O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, reclamoulle hoxe á Consellería de Educación que faga as actuacións necesarias para acondicionar o CEIP Virxe do Carme de Burela, nun estado “deplorable”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei na Comisión de Educación do Parlamento que foi rexeitada polo PP, a quen lle pediu que aprobe as propostas da oposición para incluír estas actuacións nos Orzamentos de 2019.
Álvarez urxiu á Xunta a atender ás múltiples necesidades do centro, como sinala un informe que recibiu o Concello en agosto, e que anticipaba o “colapso” da situación do inmoble logo da primeira borrasca importante deste outono, a primeiros de novembro. Daquela o centro sufriu a inundación das aulas e problemas de habitabilidade que forzaron á administración autonómica a aplicar obras de urxencia para acondicionar as instalacións, aínda que de forma precaria.
O responsable socialista advertiu que os socialistas incluíron esta iniciativa parlamentaria na orde do día da Comisión, que se decidiu o pasado 20 de novembro e o día 22 a delegación da Consellería xa tiña cifrado as actuacións necesarias en 850.000 euros e anunciado que se realizarían en agosto, no que cualificou de “alarde de eficiencia con poucos precedentes”.
Luis Álvarez criticou que “teñamos que chegar a este estremo” para que o goberno galego tomara cartas no asunto, e cuestionou que o PP tivera apuntado hoxe á “corresponsabilidade da administración local” na situación do centro. Evidencian así, dixo, que “saben que teñen poucas posibilidades de recuperar a alcaldía e non lles importa sinalar aos sucesivos alcaldes do PP que non fixeron o que tiñan que facer polo centro educativo”.
O responsable socialista acusou ao PP de rexeitar aprobar esta proposta porque “non queren admitir que a oposición estaba acertada –cando alertou da situación- e Educación non atendeu ás instalacións como tiña que ter atendido”.
Advertiu que as numerosas deficiencias do centro abarcan a situación das fachadas, a impermeabilización das cubertas, as zonas exteriores, as carpinterías, pinturas, humidades, iluminación, as condicións do parque infantil ou a accesibilidade, como apunta o informe que ten o propio Concello.