
A socialista lembra que o Estatuto Marco leva en negociación tres anos co Ministerio de Sanidade e cos representantes profesionais, e que a súa reforma é unha demanda antiga do sector. Subliña que o actual texto data de 2003 e que foi o Goberno anterior quen evitou actualizalo malia as peticións reiteradas
Puntualiza que a convocatoria estatal está promovida por CESM e polo Sindicato Médico Andaluz, e lembra que o primeiro é un dos sindicatos que secundou a folga en Galicia, mentres o segundo “carece de impacto na nosa comunidade por razóns obvias”
Elena Espinosa celebra “esta inesperada euforia epistolar do PP” e confia en que se traduza, a partir de agora, “nun apoio real á mellora das condicións do persoal sanitario galego”
A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista e voceira de Sanidade, Elena Espinosa, remitiu hoxe unha carta ao portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos Couñago, na que lle reprocha a súa repentina preocupación pola folga estatal convocada para os días 9 a 12 de decembro, ao tempo que “miraba para outro lado” ante a folga desenvolvida estes días en Galicia, con amplo respaldo dos profesionais e das organizacións sanitarias.
Agradece o interese mostrado polo responsable popular sobre as negociacións do Estatuto Marco, pero subliña que chama a atención que non expresase a mesma inquietude respecto da folga galega, “amparada por sindicatos, colexios profesionais, colectivos de pacientes e cun seguimento relevante que a Consellería tentou minimizar sen éxito”. Lembra, ademais, que no próximo Pleno o PP terá ocasión de apoiar as iniciativas socialistas que van na liña das melloras reivindicadas polo persoal sanitario.
Na súa misiva, a voceira socialista lembra que o Estatuto Marco leva en negociación tres anos co Ministerio de Sanidade e cos representantes profesionais, e que a súa reforma é unha demanda antiga do sector. Subliña que o actual texto data de 2003 e que foi o Goberno anterior quen evitou actualizalo malia as peticións reiteradas.
Espinosa tamén puntualiza que a convocatoria estatal está promovida por CESM e polo Sindicato Médico Andaluz, e lembra que o primeiro é un dos sindicatos que secundou a folga en Galicia, mentres o segundo “carece de impacto na nosa comunidade por razóns obvias”.
A deputada destaca que resulta “sorprendente” que o PP galego exhiba agora unha preocupación que non ten traza nos asuntos levados ao Pleno polo seu grupo. “Non atopamos iniciativa ningunha do Partido Popular que teña que ver co Estatuto Marco ou coas condicións laborais dos profesionais, malia afirmar que este asunto lle produce tanta inquietude”, sinala.
Espinosa conclúe que ao Grupo Socialista parécelle positivo que todos os grupos poidan centrar o debate nos problemas que nacen e se agravan en Galicia: “Celebramos esta inesperada euforia epistolar e confiamos en que se traduza, a partir de agora, nun apoio real á mellora das condicións do persoal sanitario galego”.