A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, sinalou hoxe o “descontrol” do goberno galego e a “falla de comunicación cos concellos” á hora de impoñer sancións por cans perigosos. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión logo do ataque a unha octoxenaria por parte dunha “manada” de 20 cans propiedade dun veciño da Estrada.
Vilán lembrou que a Lei de Benestar Animal, en vigor dende xaneiro, incorpora medidas de seguridade para estes animais, o que “lamentablemente non supuxo ningunha diferenza” dende o ataque rexistrado en agosto ata o pasado 16 de outubro. Vilán sinalou sarcasticamente a “feliz coincidencia” da posta en marcha de medidas por parte do Concello co día en que ía ser debatida esta pregunta oral no Parlamento e que foi aprazada por incomparecencia do goberno.
A responsable socialista apunta ao “desleixo” tanto do goberno galego como do Concello de A Estrada, que fixeron caso omiso diante dos informes remitidos polo Seprona logo das denuncias impostas polos veciños da zona, atemorizados polos animais. Criticou que “nin o goberno autonómico nin o municipal moveron nin un papel e botan balóns fora, ata que o asunto chegou ao xulgados de Instrución da localidade e ao Parlamento de Galicia”.
A manada de cans, lembra, é propiedade dun veciño da zona e “campaban sen control pola aldea dende o ano 2016 nunha finca de 5.000 metros cadrados”, sen que as autoridades fixeran nada a pesares do medo dos veciños e porque “xa mataran a varios animais da aldea”. No pasado mes de agosto atacaron a unha muller que “sufriu graves feridas na cabeza, pescozo, pés e brazos”, o que foi recoñecido polo seu propietario logo de que “se lle escaparan” da finca.
Sinala que o propietario dos animais negouse nun primeiro momento a entregalos, a pesares de que a lo menos un deles é de raza potencialmente perigosa, e tampouco permitiu o acceso dos axentes do Seprona á súa propiedade.
Vilán lembra que dende o 3 de xaneiro deste ano Galicia conta cunha Lei de Benestar Animal que establece as obrigas para os propietarios de cans de raza potencialmente perigosa, para os concellos e para a Consellería de Medio Ambiente, competentes en materia sancionadora.