A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, instou hoxe á nova presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco, a “continuar na defensa do noso idioma”. Así o dixo na comparecencia en Comisión da nova representante do ente, que substitúe a Ramón Villares co compromiso de continuar coa folla de ruta na defensa da cultura galega.
A responsable socialista pediulle á nova responsable do ente que “continúen na defensa do noso idioma” logo de sinalar que “independentemente da visión partidista, vostedes coñecen mellor que ninguén as últimas enquisas” que apuntan a unha caída dos galegofalantes e sinalou que “aos problemas hai que buscarlles solución”.
Burgo saudou á nova responsable lembrando o traballo do seu predecesor, Ramón Villares, e chamando a continuar coa “folla de ruta para a cultura galega” e cos novos obxectivos para o impulso da cultura galega. Apelou a “seguir co traballo de debate, investigación e estudo absolutamente necesario para o noso país” logo de 35 anos de vida da institución.
Felicitou ademais a Álvarez Blanco por ser “a primeira muller que ocupa” o cargo de responsable do Consello da Cultura Galega, saída ademais do equipo de Villares pero integrando unha nova visión propia para un ente que “carece de poderes executivos, pero si que ten unha labor de alta asesoría que estivo desenvolvendo de maneira moi eficiente”.