O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, criticou hoxe o “cinismo insoportable” do PP e do presidente da Xunta que, logo de pedir dende hai semanas que se flexibilizara o uso do superávit para a Sanidade pública, onte viu como o PP rexeitaba no Congreso o Decreto que desbloqueaba os fondos. Torrado criticou que Feijóo “pasou de crerse un reivindicador como o Che Guevara a facer o ridículo digno de Benny Hill”.
“O que Feijóo viña demandando dende hai semanas o PP e os seus deputados galegos na Deputación Permanente votárono en contra”, resumiu o parlamentario socialista para criticar a posición daquel partido en contra do que o presidente da Xunta viña sinalando como “único problema e gran solución para a sanidade galega”.
Cualificou de “patético” o papel do presidente da Xunta, que se ten establecido como “funambulista” no “circo do PP”, que agora cualifica de “electoralista” un decreto polo que o propio Feijóo despregou toda unha campaña reivindicativa durante semanas. Con estes “vaivéns”, dixo, os “populares” demostran que “deciden a súa posición en función da meteoroloxía ou do día que teñan”, perdendo polo camiño toda fiabilidade.
Proposición de Lei
Fronte a esta posición, dixo, os socialistas presentarán propostas concretas para reformar as Leis de Saúde e de Garantías das Prestacións Sanitarias e fixar por Lei as demandas dos profesionais para Atención Primaria. O obxectivo, explicou, é “consolidar as propostas que o PP comeza a aceptar para regatear o escenario de protestas, e que ninguén se cre”.
Os socialistas propoñen así fixar por Lei un tope máximo de pacientes por médico ou médica, ata 30 ao día, o que permitiría dedicarlle 10 minutos por paciente na atención primaria. Tamén reclaman habilitar un catálogo de probas diagnósticas para os profesionais da Atención Primaria, como xa fan outras autonomías como Andalucía, salvando así a consulta especializada intermedia que demora a atención aos pacientes.
Tamén solicita recuperar as xerencias de Atención Primaria que o PP suprimiu en 2012 nunha decisión que agora recoñecen como un erro, así como un novo contrato dun mínimo de dous anos, con “maior solidez” do que está a ofrecer a Consellería, de un ano prorrogable.