Lamenta que o PP votase en contra dunha proposta recollida en diferentes foros especializados e que é unha demanda reiterada do sector dende hai anos
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia que poña en marcha un rexistro oficial de taxadores-cubicadores co obxectivo de dar transparencia aos propietarios forestais na venda da madeira e para mellorar a xestión forestal en Galicia. Este servizo sería xestionado por la Conselleira de Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Montes.
Rodríguez Dacosta suscitou esta demanda a través dunha proposición non de lei debatida esta mañá na Comisión de Agricultura do Parlamento. Alí subliñou que este tipo de figura xa está instaurada en lugares como Biscaia ou Guipúscoa, cuxo modelo “debe seguir Galicia”. Malia que este mecanismo é unha demanda do sector, que “reiteradamente pide a súa creación dende hai anos”, o Partido Popular rexeitou a proposta co seu voto en contra.
A maiores, na súa intervención, Carmen Rodríguez Dacosta lembrou que a creación deste rexistro era unha das medidas propostas pola Fundación Barrié, dentro das 10 recomendacións que lanzou en 2013 para a perfeccionar a xestión do monte en Galicia. Foi tamén unha das necesidades suscitadas nas conclusións das xornadas celebradas no Centro de Formación e experimentación de Becerreá no ano 2010.
Por outra banda, a deputada socialista indicou que o rexistro de taxadores serviría para complementar o anuncio realizado pola Xunta de que se controlará vía satélite as talas de madeira que se realicen nos montes galegos. “Entendemos”, afirmou a deputada socialista, “que é un paso importante na determinación de onde se van a efectuar estes aproveitamentos”. Pero, ao mesmo tempo, incidiu en que “tan importante como esta detección é saber o que se está cortando e que produtos se cortan”.
Carmen Rodríguez Dacosta explicou que a superficie forestal galega ocupa o 70% do territorio da nosa comunidade, e un 30% desta encóntrase desarborada. Ademais, en Galicia córtanse ao ano preto de 10 millóns de metros cúbicos de madeira, máis da metade do volume de corta en España. Por outra banda, o número de solicitudes de corta supera as 55.000 ao ano.
Neste contexto “cómpre impulsar medidas que melloren a xestión do monte”, aumentando a competitividade global das explotacións forestais e logrando unha produción de madeira de calidade. Tamén avogou por medidas que apoien a industria de transformación da madeira e que teñan un impacto na creación de emprego de calidade.
De maneira complementaria, Carmen Rodríguez Dacosta remarcou a importancia do establecemento no territorio de unidades de investigación de incidencias forestais. Tamén avogou por que se apliquen todas as medidas do ditame da comisión de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia.