denuncia as “decisións improvisadas e recortes orzamentarios a favor duns poucos” cos que se levaron por diante a última unidade multidisciplinar de covid persistente de Galicia
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta acusou ao PP e ao goberno galego de “vulnerar o dereito á saúde” ao negarse en redondo a recuperar a Unidade de Covid Persistente de Ourense, a última que quedaba activa en Galicia. Así o dixo logo de que o PP rexeitara a proposta presentada polo Grupo Socialista na Comisión de Sanidade do Parlamento esixindo unha “rectificación” no desmantelamento da unidade o pasado 25 de febreiro.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que “escoiten aos afectados e actúen con responsabilidade” antes de continuar coa súa xestión sanitaria a base de “decisións improvisadas ou recortes orzamentarios que só benefician a uns poucos”. Un destes supuxo hai 3 meses a eliminación dunha unidade que era un referente estatal e exemplo de atención integral, ademais de fundamental para os 350 pacientes aos que atendía.
Explica que este peche, ademais dun retroceso na atención sanitaria, amosa “unha falta de sensibilidade e de planificación por parte das autoridades sanitarias autonómicas”. Lamentou que a día de hoxe “non lles preocupe contar cun censo oficial de persoas afectadas, protocolos unificados de atención nin, lamentablemente, dispoñer de ningunha unidade multidisciplinar en marcha”.
Criticou esta nova mostra de “marxinación e maltrato” á provincia de Ourense, desta volta por conta dos enfermos de covid persistente, que afecta a entre o 10 e o 20 por cento das persoas que pasaron o virus. Estas rexistran ata 200 síntomas diferentes, entre fatiga crónica, néboa mental, esquecementos, dor muscular, dificultades respiratorias, insomnio, así como problemas neurolóxicos ou dixestivos.