O líder dos socialistas galegos comprometeuse a seguir reclamando que o Goberno manteña a oferta para que Galicia non perda eses cartos: “É unha cuestión de responsabilidade. Son recursos que Galicia necesita, que as máis de 22.000 familias inscritas no Rexistro de Vivenda necesitan
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, instou hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a rectificar e aceptar os 380 millóns de euros ofrecidos polo Goberno de España para impulsar a construción de vivenda pública en Galicia. “Falamos de triplicar o investimento do último plan de vivenda: 273 millóns de euros máis que o anterior, ata sumar un total de 380 millóns. Unha oportunidade única para construír preto de 4.000 vivendas públicas na nosa comunidade”, advertiu.
Besteiro fixo estas declaracións en Lugo, desde a rúa Fabio Máximo e acompañado polo alcalde Miguel Fernández, a concelleira Ana Abelleira e a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, onde lembrou que alí se construíron as últimas vivendas públicas promovidas pola Xunta hai máis de 16 anos, coincidindo co último goberno socialista en Galicia. “Desde entón, nin unha soa vivenda pública máis na cidade de Lugo. E isto nun momento no que hai unha necesidade evidente, especialmente para a xente moza que quere iniciar o seu proxecto de vida, e para moitas familias con dificultades de acceso á vivenda”, explicou.
Na actualidade, segundo recordou, hai máis de 22.000 persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda Pública en Galicia, das cales 1.600 corresponden á cidade de Lugo e 1.000 máis ao resto da provincia.
Besteiro criticou con dureza a negativa de Rueda a adherirse ao plan de vivenda impulsado polo Executivo de Pedro Sánchez, dotado con máis de 7.000 millóns de euros para todo o Estado e que require a participación das comunidades autónomas. “Rueda dixo non non porque non sexa necesario nin porque non sexa bo para Galicia, senón porque simplemente segue as instrucións de Feijóo desde Madrid, nunha estratexia de confrontación permanente co Goberno de España”, denunciou.
“A realidade é clara: comunidades como Navarra, Asturias, Cataluña ou Castela-A Mancha dixeron si e van recibir máis de 1.500 millóns. Aquí, Rueda prefire dicir non e deixar pasar unha oportunidade histórica para facer fronte ao déficit de vivenda pública que temos”, engadiu.
O líder dos socialistas galegos comprometeuse a seguir reclamando que o Goberno manteña a oferta para que Galicia non perda estes 380 millóns de euros: “É unha cuestión de responsabilidade. Son recursos que Galicia necesita, que Lugo necesita, e que poden dar resposta a miles de persoas que están agardando por unha vivenda pública”.