O líder socialista denuncia que mentres Rueda presume de cifras e anuncios, aumentan as necesidades sen resposta
Critica que o Goberno galego priorice as rebaixas fiscais aos máis ricos e rexeite a condonación da débeda que permitiría aforrar 620 millóns
Advertiu de que na partida de Sanidade apenas medra en 157 millóns de euros respecto a 2024, o que “significa que pagamos máis aos bancos en débeda que o que destinamos á Atención Primaria”
O portavoz socialista, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu hoxe que os novos Orzamentos da Xunta “confirman que a campaña publicitaria era moito mellor que o contido” e que “o Goberno de Rueda non está a dar resposta ás necesidades reais da cidadanía galega”.
“A verdade é que o único que crece neste país son os demandantes de vivenda, os demandantes de axuda á dependencia e os demandantes de atención sanitaria”, afirmou Besteiro, denunciando que “mentres presumen de cifras e anuncios, o que medra é o malestar, a precariedade e a falta de servizos públicos de calidade”.
Rueda insiste en rebaixas fiscais aos máis ricos
Besteiro criticou que Rueda manteña a súa aposta polas rebaixas fiscais aos máis ricos, o que cualificou como “un déficit de financiamento que se compensa reducindo o Estado do benestar”. Lembrou que a Atriga xa advertiu de que Galicia deixou de ingresar 731 millóns de euros, limitando así a capacidade da Xunta para reforzar os servizos públicos.
O líder socialista advertiu tamén de que a Xunta vai pagar 1.858 millóns de euros pola súa débeda, “o máximo histórico”, cando podería aforrar un terzo dese importe -620 millóns- se Rueda aceptase a condonación. “Pero négase”, lamentou Besteiro, “impedindo dispoñer de recursos para mellorar a vida da xente”.
Os Orzamentos decrecen mentres o custo da vida sobe
Besteiro cualificou os novos Orzamentos como “un freo ás expectativas da xente que agarda unha Galicia con dereito a unha casa, a uns servizos sociais eficaces e a unha atención sanitaria pública e de calidade”.
Puxo o foco en que os Orzamentos increméntanse só un 2,1 %, mentres o IPC vai pechar nun 2,8 ou 2,9 %: “Isto é perder, aquí e na China. Os orzamentos non medran: decrecen”, advertiu. E engadiu con ironía: “Son uns lumbreras da economía”.
Vivenda: moita propaganda, pouca execución
O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista denunciou denunciou que “de nada serve destinar recursos á vivenda se non se executan. Todas as partidas volven ir a futuribles que nunca se materializan”.
Lembrou que, ano tras ano, a Xunta deixa sen executar máis da metade dos fondos comprometidos en materia de vivenda, o que demostra que non hai vontade real de dar solucións: “De pouco vale anunciar novas promocións ou axudas cando o orzamento destinado ao acceso á vivenda non se materializa”, insistiu.
Preguntouse “que fai unha enfermeira o un profesor de 35 anos que necesita atopar vivenda?” e lembrou que hai 22.680 demandantes rexistrados, “esa é a única cifra que medrou nos últimos anos, a da xente que busca casa”.
Sanidade: máis cartos para os bancos ca para a Atención Primaria
Na partida destinada a Sanidade, o portavoz socialista advertiu de que apenas medra en 157 millóns de euros respecto a 2024, o que “significa que pagamos máis aos bancos en débeda que o que destinamos á Atención Primaria, que si que é o maior problema dos galegos e galegas”.
En política social, Besteiro destacou que dos catro ámbitos clave -Migración, Dependencia, Discapacidade e Solidariedade- só aumenta o gasto en dependencia, “e iso é porque se incrementaron os fondos do Estado”.
“Todo o demais baixa, especialmente as partidas vinculadas á inmigración. Non sabemos se isto terá que ver con que xa están negociando con Vox”, advertiu.
Financiamento local: máis discrecionalidade, menos equidade
O socialista sinalou que o fondo base con criterios obxectivos se mantén igual que no exercicio anterior, en 118 millóns de euros, mentres que “os cartos que se reparten a dedo increméntanse en 18 millóns”.
“O diferencial do que medra é o que non se gastou o ano pasado”, explicou, lamentando, unha vez máis, “a falta de transparencia e planificación” do Goberno galego.
“Medra o malestar, non o benestar”
Besteiro concluíu que estes Orzamentos “non son só unha decepción política; son a constatación de que Galicia perde capacidade económica e servizos públicos mentres Rueda se dedica á propaganda”.
“A verdade é que o único que crece neste país son os demandantes de vivenda, de axuda á dependencia e de atención sanitaria” porque, dixo, “mentres presumen de cifras e anuncios, o que medra é o malestar, a precariedade e a falta de servizos públicos de calidade”, sinalou.