O secretario xeral do PSdeG coñeceu de primeira man as actuacións de restauración forestal, prevención de incendios e plantación de castiñeiros impulsadas polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza, un proxecto pioneiro financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica con fondos europeos, que exemplifica a aposta que hoxe presenta Teresa Ribera en Bruxelas
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, destacou desde Rianxo que “Galicia pode ser parte do liderado verde que Europa impulsa hoxe desde Bruxelas activando medidas urxentes de adaptación ao cambio climático tanto na xestión do territorio como nas políticas económicas, pero para iso Rueda e o PP deben superar os seus complexos climáticos e deixar atrás anos de pasividade e improvisación”.
Durante unha visita ás distintas actuacións desenvolvidas polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza con responsables da Fundación Ría e dos colectivos implicados neste proxecto pioneiro de restauración de solos e prevención de incendios, Besteiro puxo en valor o proxecto como “exemplo de acción sostible, planificada e útil para o territorio”. Estas accións puxéronse en marcha tras os grandes lumes que afectaron á zona.
“Hoxe Teresa Ribera presenta en Bruxelas unha nova diplomacia verde europea, que segue os pasos do gran Pacto polo Clima que propoñemos os socialistas. Experiencias como a de Rianxo demostra que esa visión é unha realidade que se pode aplicar en máis zonas de Galicia, que non pode quedar fóra dese cambio”, subliñou.
O proxecto, financiado con dous millóns de euros do Goberno de España a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e da Fundación Biodiversidade, integra á USC, a Fundación RIA e comunidades de montes da comarca, e combina investigación, acción e planificación forestal.
“Este é o modelo que funciona: coidar o monte todo o ano, non só cando arde; anticiparse aos riscos, xerar emprego verde e fortalecer o rural”, explicou o líder socialista durante a visita ás diferentes iniciativas impulsadas polo Laboratorio vinculadas ás transformacións forestais e de limpeza de montes, o uso da gandeiría extensiva ou plantacións de castiñeiros e restauración de solos nas zonas de Taragoña, Ourille, Leiro ou Monte Pena.
Besteiro advertiu de que “Galicia leva demasiado tempo sen aplicar políticas do territorio, forestais e que dean vida ao rural adaptadas a nova realidade climática e social, mentres o resto de Europa avanza con decisión na transición ecolóxica”, e engadiu que “o abandono non é unha opción: necesitamos planificación, prevención e vontade política”.
Aquí en Rianxo, dixo, “hai futuro porque hai compromiso dos colectivos, fondos europeos e un Goberno de España que aposta polo territorio. Iso é o que lle falta á Xunta: crer de verdade neste país”, explicou.
Mentres Besteiro visitaba en Rianxo este proxecto financiado polo Goberno de España, a vicepresidenta Teresa Ribera lideraba en Bruxelas a presentación da nova Visión Global de Clima e Enerxía da Unión Europea, coa que a UE busca reforzar a súa diplomacia climática, reducir a dependencia de países como China nos recursos naturais e promover grandes proxectos de enerxía limpa en todo o mundo.
O documento propón que a Comisión Europea colabore con empresas e autoridades locais, mesmo nos Estados Unidos, para avanzar na transición enerxética e impulsar tecnoloxías limpas, unha estratexia que encaixa co traballo que o Goberno de España xa desenvolve en Galicia a través de iniciativas como a do Laboratorio Ecosocial do Barbanza.
Para Besteiro “o que hoxe se presenta en Bruxelas e o que vemos en Rianxo forman parte da mesma aposta: acción real e compromiso co futuro”, segundo salientou.