O secretario xeral do PSdeG participou en Vigo na manifestación do 1.º de Maio convocada por UGT e CC.OO., acompañado pola presidenta do partido, Carmela Silva, e o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero
Previamente, Besteiro asistiu no cemiterio de Pereiró a unha homenaxe aos alcaldes e representantes políticos asasinados polo franquismo
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou esta mañá nos actos do 1.º de Maio en Vigo xunto aos líderes sindicais de UGT e CC.OO., onde reivindicou “seguir avanzando na conquista de dereitos” e chamou a manter viva a “conciencia de clase” fronte aos ataques da dereita e da ultradereita.
Besteiro puxo en valor que moitos dos avances logrados nos últimos anos “os puxemos os socialistas enriba da mesa”: a subida do salario mínimo interprofesional, a conversión de contratos temporais en indefinidos ou o reforzo das pensións. E destacou o impulso a “novos dereitos, como é o da redución da xornada laboral ás 37 horas e media”.
O líder das e dos socialistas galegos criticou o inmobilismo do Goberno galego e reclamou a Alfonso Rueda que “aproveite as oportunidades para xerar máis emprego”, advertindo de que “Galicia está a perder o diferencial co resto do país”. Neste sentido, denunciou a “incapacidade da Xunta para superar as cifras de desemprego entre as mulleres, cunha taxa un 14% máis alta que a dos homes”, e sinalou tamén a falta de políticas para a mocidade: “que vese obrigada a fuxir porque non ten unha primeira oportunidade”.
A xornada comezou cun acto de memoria no cemiterio de Pereiró, onde Besteiro rendeu homenaxe aos alcaldes e representantes políticos asasinados polo franquismo. Lembrou que foron vítimas dun réxime que quixo calar a voz de quen defendía a democracia, a igualdade e os dereitos da xente traballadora. Neste espazo simbólico, reivindicou o valor da memoria como guía para o presente e afirmou que é “o recordo do que aconteceu, do que pode volver a acontecer e, sobre todo, que nos marca ese camiño na defensa dos dereitos dos traballadores e das traballadoras”.
Sinalou ademais que esta homenaxe non é só un exercicio de lembranza, senón tamén de compromiso coas loitas do presente: co emprego digno, coa igualdade e coa xustiza social. Subliñou que forma parte da identidade dun partido “que ten 146 anos de historia” e que sempre estivo “do lado da liberdade, da dignidade das persoas e dos dereitos da clase traballadora”.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, subliñou a importancia do 1.º de Maio para a cidade: “Esta é unha cidade de economía, de industria, de actividade económica, con miles e miles de traballadoras e traballadores que queremos que teñan todos os seus dereitos”.
Caballero centrou a súa intervención na necesidade de reducir a xornada laboral: “Está habendo uns aumentos importantísimos de produtividade. Todo é moito máis eficiente, e iso ten que traducirse en recoñecemento salarial e no tempo de traballo”. E engadiu: “É bo reducir a xornada laboral porque iso vai facer que os traballadores e as traballadoras estean no mellor contexto e sexan aínda máis produtivos”.
“Os que se opoñen á redución da xornada fan un flaco favor á economía. E dígoo eu, o alcalde de Vigo, que é a cidade da economía”, concluíu. Tamén deu a benvida aos líderes sindicais e agradeceu a presenza do secretario xeral do PSdeG, e afirmou que “Vigo é o lugar onde isto salta; queremos que España saiba da nosa defensa dos traballadores e traballadoras”.