O secretario xeral do PSdeG comprobou en Barcelona o funcionamento do programa Escoles+Sostenibles, “que demostra que é posible abordar desde os colexios a loita contra o cambio climático cunha visión integral: alimentación, enerxía, residuos e espazos”
O líder socialista reuniuse no Concello co alcalde barcelonés, Jaume Collboni, e técnicos municipais para analizar, entre outros asuntos, a Estratexia de Centros Educativos polo Clima, e despois visitou un dos xardíns de infancia, no barrio do Raval
Avanzou que o Grupo Socialista presentará no Parlamento galego unha iniciativa que contempla a creación de programas educativos integrais para a loita contra o cambio climático, e demandoulle á Xunta que cumpra xa o acordo para o emprego de produtos locais nos seus comedores
“O programa socialista de escolas sustentables demostra que é posible abordar desde os colexios a loita contra o cambio climático cunha visión integral: alimentación, enerxía, residuos e espazos, tamén coa transformación dos patios”. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, referiuse así desde Barcelona á necesidade de actuar contra o cambio climático desde o ámbito educativo, “promovendo desde a infancia valores sostibles”.
Con motivo da súa viaxe á capital catalá, o líder socialista visitou esta mañá unha gardería integrada no programa municipal Escoles+Sostenibles, un modelo que contribúe á loita contra o cambio climático “e que queremos que a Xunta aplique tamén en Galicia, porque cada pequeno xesto conta na defensa do noso planeta”, subliñou.
Nese senso, adiantou que o Grupo Socialista no Parlamento galego presentará proximamente unha iniciativa a través da que lle esixe ao Goberno de Rueda a creación de programas educativos integrais contra o cambio climático. Criticou, ademais, que a Xunta do PP “segue sen cumprir o acordo parlamentario para incluír nos contratos de comedores escolares e residencias de maiores o emprego de produtos locais”, unha medida aprobada pola Cámara a proposta do PSdeG.
Besteiro mantivo previamente unha reunión no Concello co alcalde de Barcelona, Jaume Collboni, para tratar ese e outros temas de interese. Á xuntanza uníronse técnicos do departamento de Educación, que explicaron os detalles da Estratexia de Centros Educativos polo Clima, unha iniciativa que está desenvolvendo a Administración local barcelonesa e que inclúe ás garderías e ás escolas de primaria e secundaria sostibles da cidade.
Unha vez no xardín de infancia, a gardería Aurora, situada no barrio do Raval, o secretario xeral puido ver a transformación que se está realizando no patio do centro “para convertelo nun refuxio climático, máis verde e preparado fronte ás ondas de calor”, unha actuación enmarcada na liña do Pacto polo Clima.
Tamén coñeceu de primeira man a aposta pola alimentación sostible con produtos de proximidade, “que apoia ás economías locais, mellora a saúde e reduce a pegada ecolóxica”, recordou. E destacou do programa “a loita contra o despilfarro alimentario, con envases reutilizables e compartindo excedentes coas familias”, ou o fomento do aforro enerxético, un plan de prevención de residuos e as medidas para reducir o ruído.