O secretario xeral do PSdeG recolleu en Carballo as necesidades das compañías instaladas no polígono de Bértoa, que enfrontan un grave problema de falta de espazo para medrar e seguen á espera de conexións viarias, transporte público e bonificacións nas peaxes
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamoulle á Xunta que atenda as demandas que lle están a trasladar desde as áreas empresariais e dea resposta á necesidade de solo industrial e de melloras nas comunicacións. O líder socialista lamentou, tras unha visita ao polígono de Bértoa, en Carballo, a falta de compromiso por parte do Goberno de Rueda con empresas que precisan de espazo para medrar e de infraestruturas e conexións de transporte que faciliten a súa actividade.
Besteiro reuniuse cos empresarios do polígono carballés para analizar unha serie de “preocupacións moi concretas”, como é a ampliación da superficie industrial, “a máis urxente” e cuxa demora por parte da Administración autonómica “está creando un problema moi grave” ás compañías que necesitan ampliar as súas instalacións. “Iso está impedindo tamén a creación de novos postos de traballo”, subliñou.
Trátase de pasar dos 1,3 millóns de metros cadrados actuais a 1,8 e pór á venda novas parcelas, xa que na actualidade non hai ninguha dispoñible. Iso está a lastrar a competitividade do polígono, impedindo a instalación de novas empresas e a ampliación das instalacións das compañías que xa se asentan nel e precisan expandirse.
A esa reivindicación súmanse a da construción da circunvalación de Carballo, unha vía que debe dar saída á zona empresarial cara as estradas de Ordes e Santiago e que leva anos de retraso, e a dunha liña de transporte público de viaxeiros que dea servizo a “un dos polígonos máis puxantes do gran eixo industrial entre A Coruña e Bergantiños”. Integrar o polígono na Rede de Transporte Público de Galicia serviría para prestar un servizo básico, especialmente, ao 60 % das persoas que actualmente se desprazan en vehículos particulares e que proceden tanto do casco urbano de Carballo coma do eixo A Coruña-Arteixo-A Laracha-Carballo.
“Das bonicicacións nas peaxes da AG-55 xa nin falemos, porque a Xunta leva anos sen atender unha reclamación histórica de toda esta comarca”, sinalou Besteiro sobre unha cuestión que afecta sensiblemente a Bértoa. Respecto diso, lembrou que os descontos que ofrece a Xunta son insignificantes en comparación cos que aplica o Goberno central na AP-9 e na AP-53, que acadan ata o 75 % do prezo da viaxe para os usuarios e usuarias recorrentes.
O secretario xeral do PSdeG insistiu en que unha industria forte e innovadora “é sinónimo de crecemento económico e de emprego de calidade”, ademáis de que Galicia precisa de autonomía nun sector estratéxico, tal como se demostrou durante a pandemia. E por iso, os e as socialistas están a reclamar políticas que aposten polo desenvolvemento dese sector para que o seu peso alcance o 20 % do PIB de Galicia. “Necesitamos unha Xunta comprometida co desenvolvemento de zonas industriais coma esta”, demandou Besteiro. “Iso é o que lle reclamamos a Rueda: máis espazo para empresas que medran e mellores comunicacións e conexións de transporte”, concluíu.