O secretario xeral do PSdeG felicitou a José Tomé e á nova executiva provincial “polo respaldo da militancia e por liderar unha etapa na provincia que será decisiva para seguir fortalecendo o proxecto socialista na provincia, sempre pegado á terra”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou este mediodía no acto de clausura do Congreso Provincial dos e das socialistas en Lugo cunha mensaxe centrada na necesidade de reforzar a presenza do partido nos concellos: “Precisamos máis forza municipalista para seguir protexendo a provincia, como xa facemos desde os gobernos locais e desde a Deputación. Porque non debemos esquecer que esta provincia é un bastión do PSdeG”.
Besteiro puxo en valor o papel dos socialistas como “a forza que transforma, que está na terra e que responde fronte a un PP ausente e un presidente da Xunta que agacha a cabeza ante Feijóo”. E advertiu de que “Lugo é o espello máis claro da falta de proxecto do Partido Popular, que leva 16 anos prometendo o mesmo sen cumprir nada”.
“Mentres Lugo segue esperando pola Rolda Leste, o Museo da Romanización ou a Costa Norte, Rueda ven este luns a volver prometer o que nunca fixo. A quen pretende enganar?”, cuestionou.
Un partido útil e conectado coa xente
Durante a súa intervención, o líder socialista felicitou a José Tomé e á nova executiva provincial “polo respaldo da militancia e por liderar unha nova etapa cun proxecto serio, conectado coa xente e comprometido co futuro de Lugo”.
Destacou que o PSdeG é o partido con maior implantación local en Galicia, con máis de cen alcaldías, moitas delas na provincia de Lugo. “Neses concellos a xente sabe que pode confiar porque gobernamos para a maioría social, sen deixar a ninguén atrás”, subliñou.
Por iso, avanzou que os obxectivos do partido pasan por “seguir medrando en apoios, consolidar novas maiorías progresistas nos concellos e revalidar a Deputación de Lugo como peza clave para garantir servizos públicos, cohesión territorial e oportunidades para o rural”.
Un presidente que nin está nin defende a Lugo
Besteiro criticou duramente a política do enfrontamento permanente do PP e a actitude de Alfonso Rueda, ao que cualificou como “un presidente de plató que só aparece cando hai cámaras” e que actúa como “delegado de Feijóo”. “Fala Feijóo e cala Rueda. Manda Feijóo e obedece Rueda. E así, quen perde é Galicia, e moi especialmente Lugo”, advertiu.
Lembrou como exemplo o apagón da semana pasada, no que “Rueda desapareceu do centro de emerxencias e só volveu cando estaban os medios, mentres o delegado do Goberno permaneceu traballando toda a noite”. Tamén acusou a Rueda de gardar silencio ante os constantes rexeitamentos de Feijóo ás medidas do Goberno de España como as axudas ás empresas, a suba das pensións ou o salario mínimo.
Besteiro tamén alertou sobre o novo xiro do PP cara á enerxía nuclear. “Feijóo e Rueda levan 16 anos freando as renovables e agora pretenden vendernos as bondades da nuclear. Fronte a ese modelo, defendeu un modelo de desenvolvemento sustentable, baseado nas enerxías renovables e na participación dos territorios, “con planificación, con diálogo e con respecto ao tecido social e ambiental”.
Tamén tivo palabras o secretario xeral dos e das socialistas para o BNG, ao que criticou polo seu “soberanismo falaz e desfasado, que nada ten que ver coas necesidades da Galicia de hoxe”.
Besteiro pechou a súa intervención denunciando o intento do PP de “silenciarnos porque nos teñen medo” e animou á militancia a transformar “a forza do partido nunha forza electoral que permita seguir avanzando”. “Lugo é clave para o futuro de Galicia. E os socialistas temos o aval do traballo feito, das políticas útiles e da presenza constante”.
O líder socialista instou á militancia a “reforzar os gobernos municipais, manter a Deputación e seguir protexendo Lugo fronte á desidia dun PP que nin entende nin defende esta terra”, concluíu.