
O líder socialista visitou o CiQUS e esixiu planificación sostida, estabilidade investigadora e un compromiso real coa ciencia que impulse o avance económico do país
Besteiro foi contundente na súa crítica ao modelo de macroresidencias proposto pola Xunta para os menores migrantes que chegan ao noso país e alertou do risco de que Galicia abandone a súa tradición de país solidario “por ideas que o PP asume da ultradereita”
Sobre a presenza de Alfonso Rueda na manifestación organizada polo PP en Madrid, Besteiro contrapuxo esa imaxe coa súa presenza en Ferrol: “Onte nós estabamos en Ferrol reivindicando o que creemos que é o futuro da comarca, mentres outros estaban a outras cousas en Madrid”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe á Xunta “máis ambición e menos retrocesos” na política científica tras coñecer que a partida principal de investigación dos orzamentos de 2026 sofre unha rebaixa do 10%. Fixoo durante unha visita ao CiQUS, onde puxo en valor o papel clave que os centros punteiros teñen para garantir que Galicia compita na innovación europea e para modernizar o tecido produtivo.
Besteiro cualificou o CiQUS como “un centro punteiro, non só pola súa capacitación tecnolóxica e científica, senón polos fondos que é capaz de soster”, e salientou que é “a demostración práctica da Galicia que podemos ser se hai planificación e confianza no talento”. O centro, con máis de 180 investigadores, 394 publicacións recentes e case un 50% de colaboracións internacionais, sostén a maior parte da súa actividade grazas a 33 millóns de euros captados en proxectos competitivos e á participación en programas europeos de excelencia.
O líder socialista insistiu ademais en que investigación como a que se produce no CiQUS “é a que nos pon na vangarda e garante a modernidade das empresas galegas, porque da lugar a novas tecnoloxías, novos materiais, innovacións industriais e solucións que permiten competir e abrir mercados”.
“A Xunta disminúe a inversión mentres Europa pide máis ciencia”
Besteiro criticou que o Goberno galego rebaixe a partida principal de investigación nun contexto no que Europa avanza xusto na dirección contraria: máis ciencia, máis transferencia e máis aposta polos centros singulares.
“Moitos centros sostéñense con fondos europeos e coas achegas do Estado, pero a Xunta, en vez de manter a inversión, a disminúe”, afirmou. Por iso reclamou unha carreira investigadora galega estable, investimentos sostidos e un plan de retorno de talento vinculado ás necesidades industriais do país.
Valoracións manifestacións Ferrol e Madrid
A preguntas dos xornalistas, Besteiro sinalou sobre a manifestación histórica celebrada en Ferrol, que o futuro da comarca pasa por decisións valentes e inmediatas. Defendeu que é imprescindible comezar xa a traballar nun novo trazado ferroviario entre Ferrol e A Coruña: “Defendemos que ese futuro do ferrocarril pasa por un trazado novo, pero temos que empezar a traballar xa para telo”, explicou.
Lembrou que a recuperación industrial vinculada ás fragatas suporá emprego durante quince anos: “Ese traballo para devolver a Ferrol a súa dignidade industrial vai supoñer emprego para os próximos 15 anos”. E reclamou ao PP que deixe de estar ausente: “O que pedimos é que o PP tamén se comprometa coa comarca, cousa que até agora non está nese esperar”.
Tamén advertiu do deterioro do transporte por estrada na comarca, competencia da Xunta: “De nada serve que traballemos para ter un novo trazado se para chegar a Ferrol dende toda a comarca non hai un transporte axeitado”.
Madrid: prioridades equivocadas de Rueda
Sobre a presenza de Alfonso Rueda na manifestación organizada polo PP en Madrid, Besteiro contrapuxo esa imaxe coa súa presenza en Ferrol: “Onte nós estabamos en Ferrol reivindicando o que creemos que é o futuro da comarca, mentres outros estaban a outras cousas en Madrid”. E engadiu: “Seguir a alguén que está actuando como un polo sen cabeza non é o que lle interesa a Galicia”.
Besteiro califica os “centros de concentración” de modelo “inhumano”
Preguntado polo modelo de macrocentros para menores migrantes anunciado pola Xunta, Besteiro foi especialmente contundente e alertou do risco de que Galicia abandone a súa tradición de país solidario: “Son centros de concentración e iso é un modelo inhumano de tratar aos nenos migrantes que chegan sós”.
Recordou que estamos falando de apenas 300 menores nun país con máis de 300 concellos e denunciou que a proposta do PP é impropia de Galicia: “Deberíamos ser capaces de ofrecer un panorama diferente de acollida a nenos e nenas que veñen fuxindo do terror, do medo e da fame”, afirmou.
Pero, dixo, “a resposta do Partido Popular cal é? Centros de concentración. É o peor que podemos facer. É un desprezo absoluto a estes menores”, denunciou. Besteiro lembrou que Galicia devolveu ao Estado 23 millóns de euros para escolas infantís, o que desmonta o argumento de que non hai recursos: “Dín que non hai cartos, pero o que hai é unha incapacidade para xestionalos”.
E concluíu cunha advertencia política clara: “Galicia ten que dar exemplo e non impregnarse de ideas negacionistas e de ultradereita que a maioría da sociedade galega rexeita”.