
O secretario xeral do PSdeG sinalou que todos os grupos municipais coinciden na petición e que hai necesidade e espazo: “O que non hai é vontade política do señor Rueda para levar adiante o que todos acordaron”
Avanzou que o Grupo Socialista presentará no Parlamento de Galicia unha emenda para que inclúan unha partida para a nova residencia nos orzamentos do 2026
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou hoxe a residencia da Terceira Idade da Estrada, acompañado por varios concelleiros socialistas. Dende alí apoiou a necesidade dun novo fogar de maiores no municipio, un proxecto aprobado por unanimidade no pleno municipal pero que segue sen aparecer nos orzamentos da Xunta de Galicia.
Besteiro destacou que “A Estrada necesita unha nova residencia de maiores, e todos os grupos municipais coinciden niso. O que falta é o compromiso da Xunta, que non inclúe o proxecto nos seus orzamentos”. Por iso, anunciou que o Grupo Socialista emendará os orzamentos para que a Xunta destine unha partida económica a este proxecto.
O líder socialista lembrou que a residencia actual leva anos con falta de prazas e servizos desactualizados, nun concello onde máis do 22 % da poboación ten 65 ou máis anos, unha das porcentaxes máis altas da comarca. “Hai consenso, hai necesidade e hai espazo. O que non hai é vontade política do señor Rueda para cumprir co que todos acordaron”, subliñou.
Besteiro aproveitou a súa visita para poñer como exemplo o modelo de coidados de proximidade que os socialistas puxeron en marcha na Deputación de Lugo, un proxecto que hoxe é referente en toda Europa. Trátase dun modelo baseado na proximidade, a atención personalizada e a creación de emprego local, con residencias pequenas, integradas no territorio e adaptadas ás necesidades individuais das persoas maiores.
“O modelo pioneiro que puxemos en marcha en Lugo demostrou que se pode coidar mellor, máis preto e creando emprego. Ese é o camiño que queremos para A Estrada e para Galicia”, afirmou.
O secretario xeral do PSdeG insistiu en que Galicia debe converter o reto demográfico nunha oportunidade para crear emprego e mellorar os servizos públicos. “O envellecemento é un reto, pero tamén unha oportunidade. Podemos crear emprego e servizos se hai vontade política e planificación. Xusto o que non ten Rueda”.
Trala visita a residencia onde conversou con traballadores e usuarios, Besteiro celebrou un encontro coa militancia das comarcas de Deza e Ulla-Umia, acompañado polo secretario provincial do PSdeG, David Regades, entre outros cargos do partido na zona.