O secretario xeral do PSdeG lembra que os socialistas puxeron en marcha as bonificacións —ata o 75%— e defende que agora é o momento político para dar o salto definitivo á gratuidade
Besteiro acompañou onte ás vítimas dos lumes en San Vicente de Leira —“era onde tiña que estar”— e denuncia o abandono do rural por parte do PP
Lembrou que Galicia debe responder hoxe ao Goberno central sobre a súa incorporación ao novo plan estatal de movilidade, que permitiría “reducir tarifas”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe dar “o salto definitivo” cara á gratuídade total da AP-9, aproveitando o prazo que vence esta semana en Bruxelas sobre a prórroga da concesión asinada no ano 2000 polo Goberno de Aznar.
“É un momento extraordinario para asumir ese pequeno gran salto ata chegar ao 100% das bonificacións, á gratuidade no noso territorio”, defendeu Besteiro, quen lembrou que foron os gobernos socialistas quen puxeron en marcha o 50% e logo o 75% de desconto.
Ademais, pediu coherencia ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda: “Non pode reclamar a transferencia da AP-9 mentres mantén peaxes nas autovías que xa son da súa competencia. Primeiro hai que comprometerse coa gratuidade aquí, en Galicia, con todas as autoestradas”.
O novo plan de mobilidade permitiría reducir tarifas
Besteiro enmarcou esta reclamación dentro dunha semana clave tamén para o transporte público, xa que hoxe as comunidades autónomas deben responder ao Goberno central sobre a súa incorporación ao novo plan estatal de mobilidade. Segundo explicou, aceptar o plan permitiría “reducir tarifas, ampliar a mobilidade e mellorar un transporte que falla estrepitosamente en Galicia”.
As vítimas dos incendios, “a prioridade”
Antes de abordar a cuestión da mobilidade, Besteiro enviou unha mensaxe de ánimo aos cinco brigadistas feridos no incendio de Barreiros, que polas últimas novas avanzaba cara a Lourenzá.
O líder socialista explicou que a súa prioridade inmediata é estar coas persoas afectadas pola vaga de lumes. Por iso, acompañou onte ás vítimas en San Vicente de Leira —que definiu como “a zona cero da traxedia”— e subliñou que “era onde tiña que estar onte porque o prioritario é a recuperación”.
Besteiro lembrou que nesta parroquia arderon “cerca de 120 vivendas e 90 inmobles” e denunciou que a situación é “un exemplo claro dunha mala planificación forestal” e tamén dos problemas de comunicación e telecomunicacións derivados da desidia dos últimos 16 anos: “En definitiva, é un exemplo claro do abandono do rural por parte do Partido Popular”.
Por último, pediu que a traxedia non caia no esquecemento: “Que o fuxir das novas non nos leve a esquecernos dentro dun mes ou dous desta situación. Que non cese esa mirada ao rural, porque todo nos debe levar a reflexionar sobre ese abandono”.