Acusa ao presidente da Xunta de agochar durante meses a súa responsabilidade política na xestión da denuncia por agresión sexual que afectaba a un membro do seu Goberno e de intentar desviar a atención poñendo o foco na denunciante
O secretario xeral do PSdeG e voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, volveu este mércores a esixir explicacións ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pola súa xestión da denuncia por agresión sexual que provocou a dimisión do exconselleiro do Mar, Alfonso Villares, e anunciou que os socialistas xa presentaron esta mesma mañá unha nova batería de iniciativas no Parlamento para que o Goberno galego “non poida seguir agochando información” sobre este asunto.
“Onte mesmo na sesión de control formuleille nove preguntas en relación co asunto relativo á dimisión dun conselleiro por unha denuncia por agresión sexual; non contestou a ningunha das nove preguntas”, denunciou Besteiro.
Ante esta falta de respostas, o líder socialista explicou que o Grupo Parlamentario Socialista xa rexistrou esta mañá todas esas preguntas para que consten formalmente no Parlamento: “Imos formular agora por rexistro todas as preguntas. Queremos saber por que se ocultou esa denuncia, queremos saber por que se pon o foco na denunciante, queremos saber —porque nos parece o suficientemente grave, perigoso e case constitutivo de delito— todo sobre a filtración do nome da denunciante, da súa identidade”.
Besteiro insistiu en que “non falamos de Alfonso Villares; amparámonos aí no proceso xudicial e na súa presunción de inocencia, non é iso o que criticamos. O que queremos saber é o comportamento político por parte do presidente da Xunta, a actitude do presidente da Xunta e do seu Goberno durante todos eses feitos”.
“O que está en cuestión é como reaccionou o Goberno de Galicia ante unha denuncia de extrema gravidade que afectaba a un membro do seu propio Executivo”, engadiu.
“A explicación que creo que merecemos é a que quere saber a inmensa maioría dos galegos e das galegas no noso país sobre que tipo de presidente da Xunta e que tipo de Goberno temos ante determinados acontecementos”, concluíu.