O secretario xeral do PSdeG coñeceu da man do alcalde do municipio lucense, Lino Rodríguez Ónega, iniciativas coma a recuperación do supermercado local ou o impulso dunha cidade deportiva
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, valorou hoxe en Pol a aposta de concellos socialistas polo mantemento dos servizos públicos no rural fronte á “inoperancia da Xunta”, que está a pechar instalacións públicas, como centros de saúde ou escolas, en pequenas poboacións da xeografía galega.
O líder socialista puxo lugares coma Pol e Ribeira de Piquín coma un exemplo das políticas que defende o PSdeG para o medio rural galego, con proxectos para “xerar economía e xerar riqueza”, e, en consecuencia, asentar poboación. Nese senso, destacou que o goberno de Lino Rodríguez Ónega converteu o municipio lucense “nun referente para toda a comarca, a provincia e incluso con repercusión no estranxeiro”, dado que este verán un equipo da primeira división de fútbol portuguesa realizará unha estancia na cidade deportiva que se está a impulsar.
A construción desas instalacións é, xunto coa recuperación do supermercado local, unha das accións que o goberno local está desenvolvendo para dinamizar o concello, e para o que conta coa colaboración da Deputación lucense. O establecemento, do que carecía o municipio ao pechar o último dese tipo, dará emprego a tres persoas e garantirá á cidadanía non ter que desprazarse a lugares máis afastados para realizar as súas compras. Supón un investimento de 250.000 euros, que se canaliza a través dunha fundación constituída polo propio Concello para a xestión do negocio.
O secretario xeral advertiu que os veciños e veciñas “teñen dereito ao acceso a todos os servizos, con independencia de onde vivan”, algo que o Goberno de Rueda non está a garantir, como demostran problemas como o empeoramento das conexións do transporte público ou que a maior parte dos pequenos concellos carezan de cobertura próxima en algo tan básico como é a atención pediátrica.
O alcalde, pola súa banda, chamou a atención sobre outra necesidade que tamén existe no rural, e non só no eido urbano, como é a da vivenda. Nese senso, lembroulle á Xunta que o Concello de Pol dispón de 6.000 metros de terreo para levantar vivenda pública se a Administración que ten as competencias, a autonómica, quixera impulsala. Rodríguez Ónega criticou que, mentres os concellos deben atender cuestións que son responsabilidade da comunidade autónoma, a Xunta “mira o embigo”.