O secretario xeral do PSdeG rexeita a proposta do BNG dun réxime de concerto económico para Galicia e advirte de que implicaría perder 2.000 millóns de euros ao ano
Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2025. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu hoxe de que a proposta do BNG para implantar en Galicia un réxime de concerto económico suporía “un verdadeiro retroceso” para a comunidade, tanto en termos sociais como económicos. “Non hai bandeira que xustifique empobrecer o país”, afirmou con rotundidade.
Segundo explicou, co modelo actual Galicia “é unha das comunidades máis beneficiadas”, xa que “ingresamos en torno a un 4,40% máis que a media das comunidades autónomas”. Por iso, defendeu que o camiño non é romper co sistema común, senón melloralo: “O intelixente para os socialistas e as socialistas é reforzar Galicia dentro dese sistema común”.
Besteiro asegurou que o modelo de concerto que propón o BNG “vai supoñer recadar menos, investir menos e quedarnos atrás”, e engadiu que con datos reais “Galicia vería a perder, cos datos de hoxe, en torno a uns 2.000 millóns anuais co cambio de modelo”.
“O futuro de Galicia non se defende nin con eslóganes nin con principios soberanistas sen base económica”, advertiu. “Deféndese cos números, coa crudeza dos números. E facer da vía do concerto económico unha proposta para Galicia sería tremendamente regresivo. Iamos perder, non gañar ingresos”, concluíu.