O secretario xeral do PSdeG alertou, durante o acto conmemorativo de hoxe en Ferrol, do auxe dunhas dereitas que “nunca soportaron a quen lles demostra que se pode servir ao país sen servirse del”
O líder socialista advertiu sobre a negativa do goberno local a instalar a placa comemorativa do fundador do PSOE e a UGT no lugar que merece: “Repítese a historia do 36. É a mesma dereita que quere silenciar as nosas voces, pero non llo imos permitir”
“As páxinas máis luminosas do progresismo escribiunas aquí un fillo da pobreza que tivo a valentía de soñar cun país máis xusto, máis igualitario, máis libre e máis feminista”, dixo sobre Iglesias, de cuxa morte tamén se conmemora o centenario este ano
“Seguimos en pé, firmes e imprescindibles, nas primeiras liñas da loita pola igualdade, polo traballo digno e pola liberdade”. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, valorou así hoxe a obra do fundador do PSOE e da UGT con motivo do 175.º aniversario do seu nacemento. Ferrol acolleu esta mañá o acto conmemorativo a nivel nacional, durante o que se descubriu a recreación da antiga placa en memoria de Pablo Iglesias destruída polos golpistas en 1936. Na súa intervención, Besteiro destacou que na cidade comezaron a escribirse “as páxinas máis luminosas da historia progresista do país”, da man dun “fillo da pobreza” que tivo “a valentía de soñar cun país máis xusto, máis igualitario, máis libre, máis feminista”.
“Hoxe queremos perpetuar con xustiza a súa memoria e poñer en valor o legado máis valioso que nos puido deixar: un partido, o PSOE, e un sindicato, a UGT”, dixo o líder socialista sobre dúas organizacións “que resistiron a guerra e a represión e foron decisivas para reconstruír e modernizar España”. “Seguimos en pé, firmes e imprescindibles, nas primeiras liñas da loita pola igualdade, polo traballo digno e pola liberdade”, remarcou.
Besteiro defendeu que Pablo Iglesias demostrou que o camiño para cambiar as cousas é o socialismo, “e por iso o atacaron”, porque, asegurou, “as dereitas nunca soportaron a quen lles demostra que se pode servir ao país sen servirse del”. “Cando o Partido Socialista avanza, a desigualdade retrocede, e por iso nos atacan, por iso nos difaman: por medo”, insistiu.
Un medo que, recordou, “foi o que levou no ano 36 a refundir a placa que lembraba a Pablo Iglesias” e que agora leva a o actual goberno municipal do PP en Ferrol “a querer volver agochar a súa memoria”, negándolle o espazo que lle corresponde “e ofrecendo un lugar indigno para quen esta cidade reivindica con orgullo como fillo predilecto”. “Repítese a historia do 36. É a mesma dereita que quere silenciar as nosas voces, pero non llo imos permitir”, advertiu.
Alertou de que “a dereita de sempre” segue “ben viva”, intentando impoñer “o seu modelo de intolerancia e odio”. “Por iso defender que esta placa estea onde merece non é un xesto de memoria: é un acto de dignidade democrática”, afirmou.
José Ramón Gómez Besteiro celebrou “con orgullo” que o Goberno vaia recoñecer Ferrol, “o berce da liberdade e da loita obreira”, como Lugar de Memoria Democrática, tal como avanzou onte o ministro Torres. E subliñou que na cidade “onde todo comezou é máis necesario ca nunca lembrar que o socialismo non é unha palabra do pasado”. O seu ideario, dixo, “segue moi vivo” nos ámbitos nos que queda moito por facer, como nos dereitos laborais, a loita contra a violencia machista, na garantía de vivenda digna, na defensa dos servizos públicos “e en cada persoa que cre, con teimosía, que ninguén debe quedar atrás”.
O secretario xeral do PSdeG recolleu o que Antonio Machado dixo sobre Pablo Iglesias —“tenía el timbre inconfundible de la verdad humana”— como “quizais a mellor definición do que somos: xente que cre na verdade, na igualdade e na dignidade como principios que guían a nosa acción”.
“Pablo Iglesias soubo entender o seu tempo, loitando contra a resignación na que as dereitas quixeron, e aínda queren, instalar o país, e que fixo do socialismo un proxecto útil, vivo e sempre ao servizo da xente”, concluíu.
O secretario xeral da UGT, Pepe Álvarez, tamén lle reclamou ao goberno municipal do PP que lle dea á placa de Pablo Iglesias “a dignidade” que merece. Lamentou, ao tempo, que a historia “aínda non lle fixo xustiza” ao fundador de PSOE e UGT como a outros líderes socialdemócratas europeos. Porén, deu por seguro que “estaría orgulloso” da traxectoria de ambas organizacións.
A secretaria de Organización do PSOE, Rebeca Torró, defendeu que a recuperación de la placa na honra de Pablo Iglesias é unha forma de “facer xustiza”. “Quixeron borrarnos do mapa, pero non nos amedrentaron, nunca puideron borrar as ideas do Partido Socialista”, dixo. “Hoxe tamén rendemos homenaxe a século e medio de conquistas sociais”, afirmou en referencia á historia do Partido Socialista, que impulsou “cada avance que houbo neste país”. “Pé en parede ante a coalición reaccionaria de PP e Vox”, cominou.
O secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros, salientou que Pablo Iglesias foi “un home que cambiou a historia”, porque “non fundou un partido ou un sindicato, fundou unha maneira de entender o mundo”, e recordou que “a xustiza e a dignidade conquístanse”. “Non imos permitir que a ultradereita escriba o futuro do país”, asegurou.
Ángel Mato, secretario xeral da Agrupación Socialista de Ferrol, foi o encargado de abrir o acto, que non se limitou, segundo dixo, “a unha simple conmemoración e tampouco é só unha homenaxe, senón unha reivindicación da memoria”. Lamentou que o goberno municipal do PP queira “agochar” a placa que hoxe se recuperou, e advertiu: “Non o imos consentir. Non se colocará hoxe, mais colocarase onde merece. Que o teñan claro”.
No acto interviron tamén a presidenta da Fundación Pablo Iglesias, María Luisa Carcedo; a presidenta da Fundación Largo Caballero, Lola Navarro, e o secretario de Memoria Democrática do PSOE, Manuel G. Salgado. Asistiron, entre outras autoridades, a secretaria xeral do PSIB e presidenta do Congreso, Francina Armengol; o delegado do Goberno, Pedro Blanco; a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; a secretaria de Coordinación Territorial do PSOE e adxunta á Secretaría de Organización, Anabel Mateos; o secretario de Exterior, César Mogo, e os secretarios provinciais do PSdeG, ademais dunha numerosa representación de cargos autonómicos e locais do partido.