
O líder dos socialistas galegos inicia mañá luns unha viaxe institucional que inclúe unha xuntanza coa vicepresidenta executiva para a Transición, Teresa Ribera
A axenda incluirá encontros cos comisarios de Pesca, Xuventude e Defensa, representantes de Vivenda e Medio Ambiente e altos cargos de Industria
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, inicia mañá luns unha viaxe de traballo para levar os intereses de Galicia a Bruxelas no momento que comeza o debate do Marco Financeiro 2028-34. O líder socialista centrará a súa axenda nunha serie de encontros ao máximo nivel centrados nos asuntos fundamentais para os galegos e galegas, como vivenda, pesca, xuventude, industria ou medio ambiente.
A viaxe comezará o luns cunha xuntanza de traballo co embaixador permanente de España ante a UE, Marcos Alonso, para analizar o debate do marco financeiro que comeza o mércores e no que o PP quere impoñer un recorte drástico aos fondos de cohesión, a Política Agraria Común e aos fondos de pesca, fundamentais para Galicia. Xa o martes, terá unha serie de reunións cos comisarios de Equidade interxeracional, Xuventude, Cultura e Deporte, Glenn Micallef, e de Defensa e Espacio, Andrius Kubilius.
Tamén manterá un encontro coa presidenta do Grupo de Socialistas e Demócratas no Parlamento Europeo, Iratxe García – Pérez, e os representantes da Delegación Socialista Española no Parlamento Europeo, entre os que se atopa o europarlamentario galego Nicolás González Casares. Ese mesmo día manterá reunións de traballo con altos cargos da vicepresidencia executiva para a Estratexia Industrial da UE.
O mércores comezará a xornada cun debate con González Casares sobre os recortes propostos polo PP europeo no Marco Financeiro para os anos 2028-34, continuará con varias xuntanzas de traballo con representantes de Medio Ambiente e Vivenda, para rematar cunha xuntanza co vicepresidente do Parlamento Europeo, Javier López.
A viaxe rematará o xoves con dúas xuntanzas ao máximo nivel co Comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, e a vicepresidenta executiva para a Transición Limpa, Xusta e Competitiva, a socialista Teresa Ribera.
O responsable socialista sinalará nesta viaxe de traballo a Bruxelas a importancia de abrir unha interlocución directa cos órganos comunitarios nos que se están a xestar as políticas que afectan directamente aos sectores primarios galegos, así como o marco regulador da industria ou o medio ambiente, fundamentais para o desenvolvemento da Galicia do futuro.