

O líder dos socialistas galegos visita a vía xunto coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que vén de asumir a maior parte do custo e a responsabilidade da obra diante do desleixo do goberno galego
Besteiro mantén un encontro cos profesionais da sanidade pública de Redondela para analizar a situación límite dun servizo fundamental para a cidadanía, á que os recortes do PP obrigan a soportar esperas de 20 días para primeira consulta
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe ao presidente da Xunta de “discriminar” a Redondela ao incumprir co seu compromiso de reparar a Avenida Mendiño, Besteiro visitou a vía xunto coa alcaldesa da localidade, Digna Rivas, que vén de asumir boa parte do custe e toda a responsabilidade da obra mentres o goberno galego prefire “mirar para outro lado”.
Esixiulle hoxe ao goberno galego “compromiso, igualdade de trato e unha verdadeira colaboración institucional” para asumir a actuación nesta vía que o goberno galego se comprometera en 2019 a financiar en 2019 a totalidade da reforma dunha vía que ata agora era de titularidade autonómica e que se atopaba nun estado insostible. Sen embargo o Xunta nunca cumpriu coa palabra dada e agora obriga a Redondela a asumir o 60 por cento do custe da reforma, así como a redactar, licitar e executar as obras.
O Concello viuse obrigado a iniciar o proceso para mellorar o proxecto inicial da Xunta, que resultaba “insuficiente e desigual”, incluíndo unha humanización integral e uniformizada en todo o trazado, que é imprescindible polo grave deterioro do firme, beirarrúas e zonas de aparcamento debido á falta de mantemento por parte do goberno galego.
Subliñou que o Concello “está actuando con responsabilidade para non deixar tirada á veciñanza”, pero considera “inaceptable” que a Xunta non responda do seu compromiso, e esixe un trato “en pé de igualdade” co resto dos concellos. Lembra que a vía constitúe unha das principais arterias de Redondela, cun tráfico de 7.000 vehículos diarios e que conecta os centros de saúde e as escolas, e “leva anos necesitando unha intervención urxente” do goberno galego que nunca chegou.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, denunciou que a veciñanza de Redondela “nunca existiu” para o goberno galego dende o ano 2019, obrigando ao Concello a asumir a titularidade da vía e a maior parte dunha obra que pode superar os dous millóns de euros. Lembrou que o proxecto orixinal incluía un financiamento do 70 por cento por parte do goberno galego para unha intervención que dividía ademais á localidade en dúas zonas “de primeira e de segunda”.
Criticou que agora a Xunta teña reducido a súa aportación á obra do 70 ao 40 por cento, obrigando ao Concello a maior parte do financiamento e asumir a xestión da intervención. Concluíu que “a obra vaise facer” cun proxecto elaborado dende o Concello que reformará a totalidade da Avenida dende o centro urbano ata o porto de Cesantes “nas condicións que merece Redondela, mentres a Xunta segue esquecendo á nosa veciñanza”.
Sanidade pública
O responsable socialista mantivo a continuación un encontro con colectivos de sanidade, plataformas e médicos do Centro de Saúde de Redondela no que tamén participou a portavoz de Sanidade do Grupo Socialista no Parlamento, Elena Espinosa. Analizaron a situación de saturación da sanidade pola falta de persoal, cos profesionais ao límite da súa resistencia e que está a provocar unhas listas de espera “nunca vistas” de ata 20 días na atención primaria tamén neste concello.
Criticou que os médicos do Centro de Sáude, que atende a unha poboación de 40.000 persoas dando cobertura a Pazos de Borbén, Fornelos de Montes e Chapela, teñen que atender cada un deles a entre 40 e 50 pacientes ao día. Estes profesionais teñen que atender ademais ás libranzas ou baixas dos compañeiros que o Sergas non quere cubrir, como foi a situación de onte mesmo, cando faltaron catro médicos e un pediatra, sen que a dirección sanitaria tomara ningunha decisión.
Urxiu ao goberno galego a escoitar e tomar nota das protestas dos profesionais sanitarios, que están a lembrar cada día que a sanidade pública está “ao límite do colapso” polos recortes impostos polos gobernos do PP dende hai 16 anos.