

A vivenda foi un asunto prioritario nas reunións de Besteiro na Comisión e no Parlamento Europeo ante a necesidade de dar resposta ás máis de 22.700 familias galegas que non poden nin alugar nin mercar un fogar
O líder socialista mantivo 17 reunións de traballo en só catro días para defender os intereses de Galicia no debate dos vindeiros orzamentos europeos: “Aquí hai que vir a traballar, non só a facerse fotos”
O líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que aproveite a oportunidade aberta pola Comisión Europea para reorientar antes do 31 de decembro os fondos FEDER non executados cara a políticas de vivenda. Un movemento que, segundo advertiu, “pode marcar a diferenza entre actuar fronte á emerxencia habitacional ou perder unha oportunidade histórica”.
Besteiro explicou que o PSdeG levou a cuestión da vivenda a Europa “porque é unha prioridade absoluta e porque Galicia comparte unha crise habitacional que xa é europea”. Lembrou que Pedro Sánchez foi o único xefe de Goberno que defendeu no Consello Europeo a creación de novos fondos específicos para vivenda pública no marco financeiro 2028–2034.
Durante a súa estancia en Bruxelas, Besteiro mantivo dúas reunións clave sobre este asunto. A primeira delas celebrouse co Comisario de Equidade Interxeracional, Xuventude, Cultura e Deporte, Glenn Micallef, a quen lle trasladou a proposta do PSdeG dun Banco do Alugueiro para mobilizar vivendas baleiras, así como a necesidade de frear a infravivenda, os alugueres abusivos e a especulación inmobiliaria.
Ao día seguinte, reuniuse coa presidenta da Comisión Especial sobre a Crise da Vivenda na Unión Europea, Irene Tinagli, para avaliar a necesidade de incrementar de maneira substancial os fondos europeos destinados á vivenda pública, garantir que esa vivenda permaneza sempre en mans públicas e reforzar a resposta comunitaria á emerxencia habitacional que afecta tanto a Galicia como ao conxunto da UE.
O dirixente socialista insistiu na importancia de duplicar ou triplicar os recursos destinados á vivenda pública, ao tempo que reivindicou acelerar a rehabilitación do parque de vivendas antigas, moitas delas abandonadas ou en mal estado: “É unha cuestión de economía circular e de recuperar o noso patrimonio inmobiliario”.
Besteiro puxo o foco especialmente na mocidade galega, que hoxe debe destinar ata o 50% do seu salario ao aluguer e que, como consecuencia, “non se pode independizar ata ben pasados os 30 anos”. “Contra iso temos que actuar con decisión”, advertiu.
Por iso apelou directamente ao presidente da Xunta: “Rueda ten ata o 31 de decembro para reorientar todos os fondos FEDER non executados e destinalos á vivenda. Galicia non pode perder esta oportunidade.”
Ademais, Besteiro lembrou no peche da súa axenda europea que, nesta viaxe de traballo ás institucións comunitarias, mantivo 17 reunións en tan só catro días, todas elas ao máis alto nivel, para trasladar á Comisión e ao Parlamento Europeo “as prioridades e necesidades dos galegos e das galegas”.
Fronte a quen utiliza Bruxelas como mero escaparate, Besteiro foi contundente: “Aquí hai que vir a traballar, non só a facerse fotos.”
A viaxe do líder socialista coincidiu ademais co debate europeo sobre o novo marco financeiro plurianual 2028–2034, un momento decisivo no que, subliñou, “Galicia non só se xoga a vivenda: xogámonos o futuro da pesca, da agricultura, da industria, da transición ecolóxica e do emprego. Galicia xógase moitísimo”.