O líder dos socialistas galegos empraza a Rueda a abandonar o bloqueo á lingua e aféalle que teñan que defender o galego o president da Generalitat e o lehendakari vasco
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o primer secretari do PSC e presidente de Cataluña, Salvador Illa, puxeron hoxe en marcha un grupo de traballo conxunto para compartir propostas e experiencias en materia de vivenda, lingua, autogoberno, políticas sociais e desenvolvemento autonómico. Así o dixeron os dous líderes socialistas nunha rolda de prensa conxunta hoxe en Santiago de Compostela.
Besteiro explicou que as dúas formacións poñen en marcha este espazo de cooperación permanente para poñer en valor un “modelo de país compartido”. Con esta posta en común buscan “divulgar máis e mellor as linguas cooficiais, avanzar no autogoberno, acadar un financiamento económico xusto que recoñeza as singularidades de Galicia, avanzar nas competenias de autogoberno e compartir propostas para o impulso da vivenda pública.
Comezou afeándolle a Rueda e o PP que boicoteen o uso das linguas cooficiais nas institucións, opoñéndose ao seu uso oficial no Congreso e impedindo un acordo semellante no Senado e bloqueando o seu recoñecemento no Parlamento europeo. Afeoulle que se descolgara da carta remitida onte polos presidentes catalán e vasco para pedir o aval ás tres linguas nas institucións europeas, ando un exemplo “do que non se debe de facer cando hai que defender o noso idioma”.
Besteiro lamentou que o lehendakari e o president defendan máis que Rueda o recoñecemento do galego. Criticou que o presidente galego pasara en semanas de apoiar unha proposta unánime do PSdeG para apoiar o uso do galego en Europa a avalar a resolución en contra desta medida aprobada no último Congreso do PP. Salientou a “dificultade” de seguir a un Rueda que “di unha cousa pola mañá e outra pola tarde”.
O secretario xeral do PSdeG defendeu un modelo de financiamento suficiente para Galicia que recoñeza a singularidade desta Comunidade Autónoma, sinaladamente polo elevado custe dos servizos derivado da dispersión territorial, o avellentamento e a perda de poboación, pero mantendo a solidariedade. Apuntou que “cando un ten claro o modelo non ten problema en defendelo e lideralo”, antes de criticar a falla de propostas de Feijóo e Rueda.
Subliñou a incapacidade do PP de poñer enriba da mesa unha proposta alternativa porque “simplemente non a teñen”, o que provoca unha “dificultade extraordinaria” á hora de “confrontar discutir e compartir”. Criticou que o presidente do PP galego “reivindique máis cartos do Estado para despois baixar os ingresos propios” rebaixando o imposto do Patrimonio “para unha minoría” de cidadáns.
En resposta a preguntas dos xornalistas, Besteiro sinalou que a posible declaración final da ilegalidade da prórroga da concesión da AP9 ata 2049 concedida polo goberno de Aznar “vai facilitar o rescate da autoestrada”. Aludiu así ao ditame motivado da UE coñecido onte apuntando neste sentido, pero chamou a “non desviarnos do camiño da gratuidade” das peaxes da AP9 e a AP53 iniciado polo goberno socialista, para os que está a entregar a Galicia 135 millóns de euros.
Salvador Illa
O president da Generalitat, Salvador Illa, afeoulle tamén ao presidente galego que evitara asinar a carta que lles remitiron os presidentes de Cataluña e Euskadi aos ministros de Exteriores dos países da UE, e afeoulle que teñan que ser eles os que defendan o uso do galego na UE. Advertiu que “non vamos parar porque a razón está da nosa parte” ao defender unha medida que “non fai dano a ninguén” e supón o recoñecemento dun elemento de identidade para 20 millóns de persoas.
Illa mantivo un encontro co secretario xeral do PSdeG logo de viaxar ata Vigo, onde se reuniu o alcalde da cidade, Abel Caballero, e participou nun almorzo informativo no Círculo de Empresarios de Galicia e antes de continuar a viaxe en Arteixo, onde visitará as instalacións de Inditex, e A Coruña, onde visitará as vivendas sociais do barrio de Xuxán xunto coa alcaldesa, Inés Rey, e manterá un encontro coa militancia de novo xunto a José Ramón Gómez Besteiro.