Na reunión que mantivo esta mañá con a presidenta e a vicepresidenta da confederación das anpas galegas, o portavoz socialista denunciou un novo inicio de curso caótico
Besteiro iniciou a rolda de prensa falando da situación en Palestina: “En Gaza vivimos unha masacre diaria, un verdadeiro xenocidio que non pode caer no esquecemento”
A preguntas dos xornalistas lembrou que “o PP hipotecou a AP-9 ata 2048; os socialistas fomos os únicos en baixar os peaxes, e agora é o momento do 100% da bonificación, da gratuidade”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou este martes que a educación pública en Galicia vive “unha situación extrema” tras 17 anos de recortes do PP.
“O curso arrinca con caos, improvisación, falta de profesorado e problemas nas infraestruturas”. Nesta liña advertiu, trala reunión que mantivo coa presidenta e vicepresidenta da Confederación das Anpas galegas, que o 12% do alumnado galego necesita reforzo educativo “pero a Xunta négase a contratar máis docentes nin a cumprir cos desdobramentos pactados cos sindicatos”.
Besteiro puxo o foco no rural, onde a situación é “aínda máis grave”: “O alumnado está dobremente castigado: con menos profesorado, con discriminación no transporte escolar e con centros que arrancan o curso con obras pendentes. Esa é a realidade tras case dúas décadas de gobernos do PP”.
Ademais, acusou á Xunta de querer impoñer unha falsa “neutralidade ideolóxica” no ensino: “Non é máis que unha ferramenta para reducir a autonomía do profesorado e limitar a capacidade crítica do alumnado”.
O secretario xeral do PSdeG tamén criticou o “fracaso do modelo estrela do PP”, a dixitalización: “Non chega con repartir tablets. Sen formación nin actualización, o proxecto está caduco e non garante competencias dixitais de verdade, tal e como advertiu tamén o Consello de Contas nun informe demoledor”.
En resumo, explicou, “a escola pública galega é hoxe menos pública, menos gratuíta e menos eficaz. E as familias son as que pagan a factura”.
Gaza: “O que está a acontecer é unha masacre, un xenocidio”
Besteiro abriu a súa intervención ante os medios cunha condena durísima contra á ofensiva israelí sobre Gaza: “O que está a acontecer é unha masacre, un verdadeiro xenocidio contra o pobo palestino”, proclamou.
Afirmou que “o Estado de Israel practica un exterminio sistemático, con bombardeos indiscriminados e con asasinatos de nenos e nenas todos os días. É unha brutalidade que temos que condenar constantemente, sen descanso e sen caer na mínima compracencia”, advertiu.
“O máis dramático é que quen perpetra este xenocidio é un Estado que naceu da memoria do Holocausto”, engadiu. Por iso apelou a unha “mobilización permanente da sociedade” e á presión internacional: “O que pedimos é un alto ao fogo inmediato e que se respecte o dereito á vida do pobo palestino”.
AP-9: “É o momento do 100% da bonificación”
Posteriormente, e a preguntas dos xornalistas, Besteiro referiuse á AP-9 e defendeu que só os socialistas impulsaron a baixada dos peaxes: “Pasamos do 50 ao 75% grazas ao Goberno de España, sen apoios nin do PP, nin do BNG, e agora é o momento do 100% da bonificación que reclaman os galegos e as galegas”.
Lembrou que foi o PP o responsable da “hipoteca histórica” da concesión: “Foi Aznar quen a prorrogou ata 2048, co aplauso de Rajoy, Feijóo e Rueda. Esa é a herdanza envelenada que hoxe seguimos pagando”.
Admitiu que dado que a devandita concesión pode seguir a senda da xudicialización, “os e as socialistas galegas cremos que este é o momento político de dar o salto definitivo, e o PSOE está disposto a facelo. É o momento de dar o salto á gratuidade total”.