
O secretario xeral do PSdeG sinalou que a inclusión da cidade no Inventario oficial, este venres, “obriga ás administracións, tamén á Xunta e ao Concello”, a divulgar a historia da loita pola liberdade “en vez de escondela”, e contribúe a “unha reparación para as vítimas”
“Esperemos que agora o Concello lle dea un espazo digno á placa de Pablo Iglesias”, dixo sobre o monumento que recuperou a Agrupación Socialista e que o alcalde se negou a situar no lugar que merece
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou esta mañá que o recoñecemento de Ferrol como lugar de memoria democrática vaille dar á cidade un estatus igual ao de Guernica. O líder socialista reuniuse hoxe na Casa do Pobo ferrolá con representantes de entidades e historiadores para avanzarlles que a partir do venres a cidade estará incluída no Inventario de Lugares de Memoria Democrática, coincidindo coa publicación no BOE da incoación do expediente.
Tras a xuntanza, Besteiro destacou a “ledicia enorme” que representa a decisión do Goberno. “É algo polo que traballou moita xente, e supón darlle a Ferrol un estatus similar ao de Guernica”, salientou sobre a repercusión que terá o recoñecemento “a unha cidade que pelexou polas liberdades e que foi unha das que máis loitou contra a represión franquista”. “Ferrol é un exemplo nesa defensa das liberdades”, insistiu.
José Ramón Gómez Besteiro apuntou que a declaración “obriga agora a todas as administracións, tamén á Xunta e ao Concello, a divulgar e explicar esa memoria, e a non escondela, a compartila para as xeracións futuras”. A iso engadiu que esa posta en valor debe significar, especialmente, “unha reparación para as vítimas”.
O líder socialista fixo estas declaracións xunto á placa na honra de Pablo Iglesias que a Agrupación ferrolá reconstruíu recentemente, e que o alcalde se negou a instalar nun lugar axeitado. “Esperemos que con esta declaración agora o Concello lle dea un espazo digno”, dixo sobre a réplica do monumento orixinal, que estivo colocado na fachada do antigo Concello e que foi destruído quen se levantaron contra a República en 1936.
Un período dun século
O secretario xeral recordou tamén que o período que recolle a declaración abrangue desde finais do século XIX ata a recuperación da democracia. Destacou o traballo de entidades e investigadores que contribuíron ao estudo deses cen anos para a elaboración do expediente, ao que uniu “a sensibilidade do Goberno”.
Besteiro, que na súa comparecencia estivo acompañado polo portavoz socialista en Ferrol, Ángel Mato; o secretario provincial do PSdeG da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro; o secretario de Memoria Democrática do PSdeG, Iván Puentes; o deputado Aitor Bouza e os concelleiros Montserrat Dopico e Julián Reina, valorou o compromiso do Executivo central. Ademais das declaracións do pazo de Meirás e a Illa de San Simón, entre outros puntos de Galicia, como lugares de memoria, salientou o orzamento que o Estado destinou á comunidade autónoma durante os últimos anos, “en torno a 500.000 euros, e convenios coa Universidade por valor de 200.000 para recuperar os corpos de vítimas da represión franquista”. Fronte a iso, denunciou que hai quen aínda “mira para outro lado ou intenta ocultar parte da historia”. Como exemplo puxo a unha Xunta “que está tomando unha posición totalmente pasiva en relación a cuestións coma a creación dun Consello de Memoria Democrática”.