
O secretario xeral do PSdeG destacou que na Comisión son conscientes do atraso galego en materia de renovables e que a propia Comisión aposta por acelerar a transición enerxética cun investimento de máis de 30.000 millóns de euros
Besteiro sinalou tras a reunión que “Europa reforzará as conexións con Portugal, combinando enerxía solar e eólica, e Galicia debe estar preparada para aproveitar esa oportunidade”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “e antes Feijóo”, de ser o responsable directo do “parón” que sufriu Galicia no desenvolvemento das enerxías renovables, especialmente da eólica, durante os últimos 17 anos. Un parón que tamén preocupa aos responsables de Bruxelas como quedou de manifesto no encontro celebrado na Comisión Europea.
Tras reunirse esta mañá con altos cargos da dirección xeral de Enerxía, Besteiro subliñou que a falta de planificación e de xestión do Goberno galego freou o crecemento dun sector clave para a economía e para a transición ecolóxica da comunidade.
“Galicia era líder en enerxía eólica en España e hoxe está no quinto ou sexto posto. Ese retroceso é consecuencia directa da inacción do Partido Popular, concretamente de Feijóo e Rueda, que provocou un parón de 17 anos”, afirmou Besteiro.
O líder dos socialistas galegos explicou que a planificación enerxética de Galicia segue ancorada no Plan Eólico de 1997, mentres a Xunta “atrasa a aprobación do novo ata o ano 2028”. “Non se pode desenvolver sen planificar. O que falla é a xestión, e o PP leva anos sen facer a súa parte”, insistiu.
Besteiro lembrou que mesmo as sentenzas xudiciais que paralizaron determinados proxectos eólicos “teñen a súa orixe nesa falta de planificación”, e rexeitou que o problema estea nos tribunais: “O fondo é sempre o mesmo, unha falla de xestión clara. O parón foi provocado, consciente e voluntario. O PP é responsable deste atraso, sen escusas”, sentenciou.
Durante o encontro, Besteiro trasladou á Comisión Europea a situación do sector eólico galego e a necesidade dunha planificación urxente para impulsar novos proxectos industriais ligados á enerxía limpa e ao hidróxeno verde.
Os responsables de Energía compartiron a preocupación polo atraso de Galicia e coincidiron na importancia de reforzar as redes, mellorar a planificación e acelerar a transición cara a unha enerxía limpa, segura e estable.
O secretario xeral do PSdeG destacou que en Bruxelas son plenamente conscientes do atraso galego en materia de renovables e que a propia Comisión aposta por acelerar a transición enerxética cun investimento de preto de 30.000 millóns de euros: “Europa reforzará as conexións con Portugal, combinando enerxía solar e eólica, e Galicia debe estar preparada para aproveitar esa oportunidade industrial e de emprego. Pero, se non hai planificación, seguiremos instalados no parón”, advertiu.
Besteiro insistiu tamén na necesidade dunha xestión adecuada do territorio e da Rede Natura, cuxa ampliación e desenvolvemento, dixo, “seguen pendentes pola falta de xestión da Xunta”.
Por último, apelou a “redobrar o esforzo nas renovables” e a garantir que Galicia participe plenamente nos novos proxectos industriais ligados á enerxía limpa e ao hidróxeno verde: “Hai que planificar para desenvolver. O futuro industrial e enerxético de Galicia depende diso”, dixo.
Hoxe pola tarde, o líder socialista manterá sendas xuntanzas cos gabinetes de Medio Ambiente e da vicepresidenta Roxana Minzatu, comisaria de Capacidades, Educación, Emprego de Calidade e Dereitos Sociais. Tamén se reunirá co vicepresidente do Parlamento Europeo Javi López e co eurodeputado portugués Francisco Assis. Mañá pola mañá encontrarase co comisario de Comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, e a vicepresidenta Teresa Ribera.