O secretario xeral do PSdeG comprometeuse desde o acto da RAG en Malpica con motivo do Día das Letras a seguir impulsando o uso do galego nas institucións e invitou a que “todo o mundo se apunte a falalo”
A secretaria de Organización, Lara Méndez, encabezou a representación socialista na manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego, que encheu as rúas de Santiago con motivo do 17 de Maio
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamoulle hoxe á Xunta e ao PP “vontade política” para defender o galego nun momento no que o idioma “pasa unha mala situación”. Momentos antes de asistir en Malpica á sesión extraordinaria da Real Academia Galega con motivo do Día das Letras, o líder socialista sinalou que é necesario “recuperar” falantes, ante a diminución continuada do seu número. “É a nosa obriga”, asegurou nunha xornada que, valorou, se dedica ás cantareiras, “símbolo da identidade galega e da loita cando non era fácil falar galego”.
No que cualificou como “un día de homenaxe e loita polo noso idioma”, reivindicou o seu uso “en todos os lugares”. “Hai que ir máis alá do uso familiar, do docente, da vida diaria, do ocio”, dixo, e comprometeuse a que o Partido Socialista seguirá apostando polo emprego do galego nas institucións “onde se lexisla e se exercen os dereitos”, como os parlamentos Español e Europeo.
Besteiro destacou tamén a importancia de que a mocidade se sume a falar en galego, xa que se trata dun dos sectores da poboación que menos o emprega, e esa é unha das causas que inciden nos malos datos que recolleu o IGE na súa última enquisa, que situou o galego, por primeira vez na súa historia, como a segunda lingua de Galicia por número de falantes.
O secretario xeral criticou que o Partido Popular e o Goberno de Rueda “non están a poñer todo enriba da mesa” para reverter esa situación, e por iso reclamou “decisión e traballo todos os días, non só o Día das Letras,” para protexer e preservar a lingua. “Defender o noso idioma é defender o noso país, Galicia”, afirmou.
Ao mesmo tempo que se desenvolvía o acto central do 17 de Maio en Malpica, a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, e a voceira de cultura do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, participaron xunto a numerosos cargos do partido na manifestación en defensa da lingua que organizou en Santiago a plataforma Queremos Galego. Os e as socialistas acompañaron aos milleiros de participantes desde a segunda pancarta da marcha no seu percorrido entre a Alameda compostelá e a praza do Obradoiro.