
O líder socialista reclamou que o novo Marco Financeiro Plurianual contemple protección para sectores estratéxicos como o aceiro limpo ou o aluminio, “con tanta importancia na comunidade”
“Viñemos falar de proxectos maduros e viables, e Altri non é un proxecto nin maduro, nin viable, nin bo para a comunidade autónoma”, asegurou o secretario xeral do PSdeG, que recordou que Europa lle deu “un cuarto non” ao negarlle fondos de innovación
Dentro da rolda de encontros que está a manter esta semana en Bruxelas con responsables da Comisión Europea, o secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, analizou hoxe co gabinete da Vicepresidencia Executiva de Estratexia Industrial da Comisión Europea diversas liñas de financiamento previstas no Marco Financeiro Plurianual 2028-2034. O líder socialista interesouse pola situación de proxectos “dirixidos fundamentalmente ao desenvolvemento tecnolóxico, a transición enerxética ou a industria da defensa”, pero tamén “polo encaixe que van ter as industrias galegas de cara ao futuro”.
Nese senso, Besteiro chamou a “reforzar liñas relacionadas coas enerxías renovables”, e sinalou máis concretamente ao hidróxeno, e “ao corredor verde” para o seu transporte como unha aposta na que Galicia debe ter “un protagonismo moi forte”.
Tras a xuntanza, o secretario xeral do PSdeG tamén se referiu a materiais estratéxicos para o futuro de Europa “como o aceiro e o aluminio, que para Galicia é extraordinariamente importante”, apuntou en referencia á planta da Mariña lucense. “Deben gozar dunha protección dentro dese marco 2028-2034 e contribuír así a manter a viabilidade de empresas galegas”, defendeu.
A preguntas dos medios en relación con Altri, José Ramón Gómez Besteiro foi tallante. “Viñemos falar de proxectos maduros e viables, e Altri non é un proxecto nin maduro, nin viable, nin bo para Galicia”, afirmou. Insistiu tamén no “triplo non” que obtivo esa iniciativa, primeiro ao seu encaixe no Perte de descarbonización, despois a unha “axuda multimillonaria a fondo perdido que establecía para a empresa un marco de non volta atrás”, e finalmente coa “desconexión eléctrica, que a fai inviable”. A todo o anterior, sumou “un cuarto non”, o que lle deu a Altri Europa ao non conceder “ningún tipo de investimento ou achega dentro do fondo no que competía, o de innovación”.
Besteiro respondeu tamén a cuestións sobre a situación das renovables en Galicia. Para o líder socialista, a comunidade autónoma debe “apostar pola eólica, tanto terrestre como mariña” co fin de contribuír “á transición enerxética, á descarbonización e ao emprego de enerxías limpas”.