O líder dos socialistas galegos defende o financiamento singular para Galicia, que “aporta e recibe solidariedade” con “máis e mellores recursos, como está a comprometer o Estado”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, afeoulle ao presidente da Xunta a falla de modelo propio no debate do financiamento autonómico. Nunha visita á festa do Carmen en Camariñas, o líder dos socialistas galegos compareceu xunto coa alcaldesa, a socialista Sandra Insua, e representantes políticos e institucionais do PSdeG para reclamar financiamento singular que garanta “máis e mellores recursos, como está a comprometer o Estado”.
O responsable socialista criticou que Galicia teña un presidente do PP que “da a calada por resposta” mentres agarda as instrucións de Madrid nun dos debates máis importantes porque “Feijóo non lle permite falar do tema”. Advertiu que o que están a agochar é que “o PP non ten modelo” nin proposta propia de financiamento para Galicia, e advertiu que Rueda “ten que sentarse e pilotar a negociación para acadar máis recursos para Galicia”.
Subliñou que Galicia “merece un presidente activo que reivindique un financiamento suficiente para Galicia que ademais o presidente do goberno está disposto a conceder” no debate do modelo de financiamento autonómico.
Besteiro presentou o modelo dos socialistas galegos, que pasa por acadar “máis recursos en base ao financiamento singular” para Galicia, que bonifique as condicións de avellentamento e dispersión e tamén de perda de poboación” porque, dixo, en Galicia “somos solidarios e pedimos solidariedade. Reclamou así “máis competencias e autogoberno” dende a lealdade ao sistema.
Populismo fiscal
Emprazou a Rueda a aceptar este financiamento fiscal e a corresponsabilidade fiscal e que “deixe a vía do populismo fiscal” pola que reclama máis recursos ao mesmo tempo que lles rebaixa impostos ás maiores fortunas, reducindo os ingresos para tódolos galegos e galegas. Advertiu que “non se lle pode pedir máis cartos ao resto dos territorios” e ao mesmo tempo “darlle máis cartos aos máis ricos” a costa de rebaixarlles os impostos.
Besteiro aproveitou a súa visita a Camariñas para reivindicar un financiamento máis xusto para os concellos fronte a un goberno do PP que os está a afogar ao obrigalos a asumir competencias que non lles corresponden sen darlles recursos adicionais. Ademais reivindicou a execución da autovía da Costa da Morte ata Cee en igualdade de condicións co resto de vías autonómicas, tal e como comprometeu o goberno socialista hai 17 anos e que o PP está a paralizar.
Xunto coa alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e representantes da corporación municipal, secundou a petición do Concello para que Portos os exima de pagar os máis 5.000 euros que teñen que abonar cada ano para celebrar as festas do Carme en terreos portuarios mentres obrigan ao goberno local a asumir o mantemento.
Besteiro asistiu ao día grande das festas do Carme xunto coa deputada no Congreso, Obdulia Taboadela, e os parlamentarios autonómicos Patricia Iglesias e Julio Abalde, ademais de outros representantes políticos do PSdeG da provincia.