
O líder socialista criticou que Alfonso Rueda “deixou de exercer como presidente de Galicia para converterse nun peón do guión político de Feijóo”, asumindo discursos e posicións que rompen pactos básicos como o consenso contra a violencia machista e que alimentan a división social
Reivindicou que o PSdeG completou o seu ciclo de renovación e está centrado en despregar propostas e presenza en todo o territorio, mirando xa ás eleccións municipais de 2027: “Vexo proxectos sólidos onde gobernamos e alternativas crecientes onde aínda non o facemos. Estaremos á altura”
Advertiu de que o avance da ultradereita en España e en Europa está arrastrando tamén ao PP “a posicións cada vez máis radicais”, nun contexto no que “a barbarie internacional se converteu nun ruído de fondo” e no que a política precisa máis que nunca “claridade, serenidade e compromiso democrático
Besteiro anunciou que celebrará un Consello de Alcaldes e Alcaldesas antes de que remate o ano para “tomar decisións que protexan de verdade os servizos públicos”
O Comité Nacional ratificou por aclamación a renovación da comisión de listas
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, abriu o Comité Nacional Galego cunha mensaxe de alerta e esperanza ante un momento político “extraordinariamente difícil”, marcado polo avance da ultradereita, a crispación organizada e o aumento das desigualdades. Subliñou que Galicia e España viven un tempo decisivo no que “están en xogo os dereitos, a convivencia e o propio rumbo democrático”, e no que o Partido Socialista “é hoxe o principal dique fronte a quen pretende retroceder décadas”: “Vivimos unha ofensiva reaccionaria, pero non van quebrar a nosa ilusión nin a nosa forza”.
Besteiro advertiu de que o avance da ultradereita en España e en Europa está arrastrando tamén ao PP “a posicións cada vez máis radicais”, nun contexto no que “a barbarie internacional se converteu nun ruído de fondo” e no que a política precisa máis que nunca “claridade, serenidade e compromiso democrático”.
Cualificou de “ameaza real” a penetración desta extrema dereita en Galicia, lembrando que as enquisas xa reflicten un incremento sostido do apoio ás súas teses e que o PP “adáptase a elas sen pudor, asumindo o seu marco ideolóxico”.
O PP racha consensos históricos e deixa Galicia sen dirección política”
Besteiro criticou que Alfonso Rueda “deixou de exercer como presidente de Galicia para converterse nun peón do guión político de Feijóo”, asumindo discursos e posicións que rompen pactos básicos como o consenso contra a violencia machista e que alimentan a división social.
Neste contexto situou tamén o exemplo dos menores migrantes, denunciando a súa “actitude de boicot e irresponsabilidade” tras negarse a acoller menores e propor un centro en Monforte que acabou alimentando discursos de odio e actos vandálicos: “Esta é a consecuencia directa de seguirlle o xogo á ultradereita”.
“A realidade é teimuda: España funciona mentras Galicia vai máis lenta”
Besteiro contrapuxo o avance social e económico de España coa parálise da Xunta: “Mentres algúns intentan vender que todo vai mal, a realidade é teimuda: España funciona. O emprego medra, a economía avanza e os dereitos consolídanse, por moito que lles doa”.
Apuntou que Galicia avanza máis lentamente porque “á Xunta fáltalle proxecto, impulso e capacidade de xestión”, e asegurou que a dereita “tenta asaltar o poder pola vía que sexa porque sabe que as urnas non lle dan”.
Reivindicou que o PSdeG completou o seu ciclo de renovación e está centrado en despregar propostas e presenza en todo o territorio, mirando xa ás eleccións municipais de 2027: “Vexo proxectos sólidos onde gobernamos e alternativas crecientes onde aínda non o facemos. Galicia sabe que o Partido Socialista vai estar á altura”.
Somos máis que unhas siglas: somos unha enerxía colectiva que percorre Galicia”
Besteiro recalcou o valor da militancia e da historia do partido: “Somos herdeiros de Pablo Iglesias. A nosa historia non é pasado, é responsabilidade. Somos unha organización viva, pegada ao territorio, que nunca deixou de representar á maioría social”.
Agradeceu o traballo das executivas provinciais e das máis de 300 persoas que xa participan nos 15 grupos sectoriais da Executiva, e anunciou que seguirá percorrendo toda Galicia nun programa estable de encontros: “A militancia é a primeira pedra da alternativa. É desde aí onde comeza a darse a volta á situación deste país”.
Reivindicou ao PSdeG como única alternativa real ao poder da dereita, e denunciou a comodidade mutua entre PP e nacionalismo:
“O nacionalismo galego aspira só a ser oposición. A Rueda dálle comodidade unha oposición así. Nós non queremos formar parte da paisaxe: queremos cambiar Galicia”.
O líder socialista denunciou que a Xunta e o PP pretenden “agochar a voz do PSdeG” e que Rueda actúa “como figurante de Feijóo”, sen exercer como presidente dunha Galicia real, con problemas reais.
Afirmou que por iso é imprescindible reforzar a acción territorial: “Hai que baixar ao concreto, ao local, suma. E unidos, suma máis. Nós estamos onde hai que estar: nas reivindicacións pola sanidade, pola educación, no Ourense abandonado, en cada concello que reclama o que é seu”.
Unha Galicia de desigualdades crecente polo abandono do PP
Besteiro advertiu de que Galicia vive hoxe unha situación de desigualdade extrema consecuencia directa da falta de políticas da Xunta. Subliñou tres problemas especialmente graves:
22.700 persoas agardando vivenda pública, cifra récord.
360.000 galegos e galegas á espera dunha cita médica.
349 días de media para resolver unha axuda á dependencia.
Acusou ao PP de non executar os orzamentos de vivenda, recortar 17 millóns na dependencia e non contratar persoal sanitario suficiente: “É unha ineficiencia programada. Ineficacia en todo. Non hai xestión nin planificación”.
Relatou o seu recente traballo en Bruxelas, onde mantivo 17 reunións con responsables de áreas clave: “Europa está preocupada polo parón de Galicia. Sabe do atraso eólico, climático, da Rede Natura, da vivenda…E de quen non saben nada? De Rueda”.
“Os concellos están ao límite: ou Rueda paga o que debe ou terá que explicalo ante a Xustiza”
Besteiro cargou contra o constante traspaso de competencias aos concellos sen financiamento, especialmente no Servizo de Axuda no Fogar (SAF). E lanzou un reto directo: “Se Rueda cre que o Estado lle debe cartos, que denuncie. E se ten razón, apoiámolo. Pero mentres tanto, que pague o que lle corresponde. Non imos permitir que os concellos sexan reféns da súa indecencia”.
Adiantou que o Consello de Alcaldes e Alcaldesas, convocado antes de final de ano, tratará este asunto como prioridade para “protexer os servizos públicos e o benestar da xente”.
“O PP escolleu gobernar só para o 4% dos galegos e galegas”
Criticou que as baixadas fiscais do PP beneficien só ao 4% máis privilexiado, mentres a clase media e traballadora paga a factura en gasolina, alugueres imposibles e servizos deteriorados: “É ter a mente moi pequena gobernar para quen non precisa da política para vivir ben. Nós traballamos para quen si precisa que a política lle cambie a vida”.
Besteiro concluíu a súa intervención cun chamamento á unidade e á mobilización colectiva: “Fronte á Galicia das desigualdades, aquí estamos nós, traballando para romper un sistema inxusto. Eu vou poñer todo o que teño. Pero isto non vai de heroes en solitario: vai de equipo. Ninguén chega só, e Galicia non vai avanzar se non avanzamos xuntos”.
Comisión de listas
O Comité Nacional pechouse coa renovación da Comisión de Listas do PSdeG, ratificada por aclamación. Os membros deste órgano son Lara Méndez López, Ángel Rivas González, Silvia Fraga Santos, Natalia González Benéitez e Luis Ángel Lago Lage, por parte da Comisión Executiva Nacional Galega, e Marina Vaz Quntillán, Diego Fernández López, Pilar García Porto, Luis Gómez Peña, Paz Villar Paredes e Miguel Crende López, por parte do Comité Nacional Galego.