
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou este domingo no acto público celebrado en León xunto a Carlos Martínez, candidato á Presidencia de Castela e León, o presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, e a ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes e portavoz do Goberno de España, Pilar Alegría.
Besteiro quixo deixar claro que o socialismo galego está ao carón de Carlos Martínez “porque representa unha maneira de facer política honesta, próxima e con compromiso coa xente”. Lembrou que Galicia e Castela e León “somos dúas terras que comparten historia, vínculos e tamén o mesmo desexo de avanzar con políticas que dean respostas reais aos problemas da cidadanía”.
Besteiro referiuse a Carlos Martínez como un alcalde comprometido: “Cando un ve o traballo que fixo en Soria, entende perfectamente o proxecto que quere para Castela e León: un proxecto serio e cun fondo compromiso social”.
“O PSdeG sempre estará ao lado de quen traballa pola igualdade, polos servizos públicos e polo progreso das persoas”, afirmou Besteiro, destacando a importancia de sumar esforzos entre comunidades veciñas para seguir avanzando en dereitos e oportunidades.