O secretario xeral do PSdeG clausurou en Ourense a xornada do ciclo “Diálogos con raíz” dedicada a un problema que obriga ás familias “a buscar axuda privada porque o sistema público non dá resposta pola falta de vontade política do PP”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, alertou hoxe da situación que atravesa en Galicia a atención á saúde mental, “con seis meses de espera para recibir consulta e un sistema público que non chega”, debido á falta de resposta por parte da Xunta a un problema que cada vez vai a máis. O líder socialista clausurou en Ourense a xornada “A necesidade de atender a saúde mental”, dentro do ciclo “Diálogos con raíz”, que organiza o PSeG.
Besteiro denunciou que se trata dunha “emerxencia silenciosa” que está obrigando ás familias “ a buscar axuda privada porque o sistema público non dá resposta pola falta de vontade política do PP”. Sinalou que é un problema novo, senón que se leva tapando desde hai anos, “pero xa non se pode mirar para outro lado”.
Durante a súa intervención, o secretario xeral recordou que “hai solucións e hai profesionais preparados” para suplir a estrutural falta de persoal especializado que se vive na sanidade pública galega. Por iso, mostrou o compromiso do Partido Socialista co que “non pode ser un privilexio de quen poida pagar; é un dereito que hai que garantir”.
José Ramón Gómez Besteiro chamou a atención sobre algúns dos datos que afloraron durante o debate, que moderou a secretaria xeral da Agrupación Socialista ourensá, Natalia González Benéitez, e no que participaron David Simón, médico psiquiatra da Área Sanitaria de Ourense e experto en programas de prevención do suicido; Belinda Insua, enfermeira especialista en saúde mental e divulgadora nas redes sociais, onde suma unha ampla comunidade de seguidores, e Elisardo de la Cruz, actor e produtor da obra Esas cousas marabillosas, que aborda desde o teatro o estigma e a realidade das persoas con problemas de saúde mental.
Entre outras cifras, remarcou que o 27 % da poboación galega presenta risco de problemas de saúde mental, algo que se acentúa no caso das mulleres, e que o consumo de psicofármacos se incrementou máis dun 50 % nos últimos anos.