
O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista sinalou que Altri é o “fracaso persoal” de Rueda e lémbralle que a decisión final sobre a macrocelulosa “é exclusiva da Xunta”, que non pode seguir prolongando os prazos nin agochándose detrás de informes incompletos
O líder socialista subliñou que Galicia non pode quedar atrapada “nunha indefinición calculada” mentres o propio Goberno galego coñece desde hai meses a inviabilidade ambiental, económica e social do proxecto
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, lanzou hoxe unha advertencia directa ao presidente da Xunta na sesión de control, logo de que, unha vez máis, Rueda evitase dar unha resposta á pregunta formulada polos socialistas sobre o futuro do proxecto Altri.
Besteiro dixo que Altri é o “fracaso persoal” de Rueda, a quen lle lembrou que a decisión final “é exclusiva da Xunta”, que non pode seguir prolongando os prazos nin agochándose detrás de informes incompletos. E, nesta liña, pronunciou a frase central da súa intervención: “Se vostede non ten o valor de denegar Altri, estará cometendo algo peor que un erro político: estará cruzando a liña da prevaricación”.
O líder socialista subliñou que Galicia non pode quedar atrapada “nunha indefinición calculada” mentres o propio Goberno galego coñece desde hai meses a inviabilidade ambiental, económica e social do proxecto. Criticou con dureza a falta de transparencia da Xunta, que mantivo oculto o pacto con Altri articulado a través de Impulsa Galicia -un acordo que nunca se explicou publicamente e cuxa documentación desapareceu da web institucional-. “O pacto existe e vostedes agochárono. Cando algo se agocha é porque non se pode contar”, advertiu.
Besteiro dixo que os socialistas son o “dique de contención” fronte á macrocelulosa en Galicia e no Estado, e lembrou que nin o Goberno central nin a Unión Europea avalan hoxe a iniciativa: Altri quedou sen os 250 millóns, sen os fondos do PERTE, sen a conexión eléctrica reclamada e sen cumprir a normativa europea de non dano significativo. “Europa non lle pecha a porta a Galicia; quen queda fóra é Altri”, afirmou.
Nese punto foi rotundo: “Galicia non queda desconectada. Lugo tampouco queda desconectada. A única que queda desconectada é Altri. Porque quen non cumpre os requisitos non é o país, é o proxecto”. Subliñou que é a propia realidade técnica, ambiental e financeira quen deixa fóra a iniciativa empresarial, non as administracións nin os territorios.
Apuntou ademais que o proxecto se sostén “en previsións irreais, propaganda inflada e promesas que se reducen a unha quinta parte dos empregos anunciados”. Na súa intervención, Besteiro acusou a Rueda de asumir persoalmente a defensa dunha iniciativa “que non é viable nin ambiental, nin económica, nin socialmente”, e de manter Galicia “atrapada nun proxecto que só responde ao interese persoal do presidente da Xunta e non ao interese xeral do país”.
Criticou que a Xunta teña borrado a documentación do proxecto da web do goberno, e pese a que Altri é o proxecto estrela de Alfonso Rueda, o presidente da Xunta non fixo nin a máis mínima alusión ao seu contido nin ao estado da tramitación. Non explicou nada, non aclarou nada e non asumiu ningunha responsabilidade. Limitouse, unha vez máis, a falar de Pedro Sánchez, demostrando que prefire a confrontación partidaria antes que exercer as obrigas que lle corresponden como responsable último da decisión.
E, fronte a este novo silencio de Rueda, Besteiro concluíu reclamando unha decisión inmediata: “Galicia merece transparencia, rigor e responsabilidade. A única administración que pode resolver é a Xunta. E xa non hai máis tempo: vostede debe pronunciarse. Debe facelo xa”.