O secretario xeral do PSdeG aposta por relanzar a acción de Goberno, tomar a iniciativa política e recentrar o debate nos problemas reais da cidadanía fronte á estratexia de bloqueo e distracción do PP e Vox
Besteiro reivindicou a reforma da xustiza promovida polo Goberno como un paso necesario para acabar cos privilexios e democratizar o sistema, e advertiu contra as críticas: “Créome con algunha lexitimidade adicional para dicirlles que iso é pregarse á dereita”, afirmou, en referencia á súa propia experiencia
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou esta mañá no Comité Federal do PSOE, onde chamou a tomar a iniciativa política, reforzar o proxecto de Goberno e facer fronte sen ambigüidades á estratexia do PP e de Vox de “impugnar a política dos últimos sete anos”.
“O camiño consiste en gobernar con acerto para a maioría, tomar a iniciativa política fronte á coalición das dereitas e cohesionar a estratexia de partido e Goberno ao longo e ancho do país”, afirmou Besteiro, poñendo o foco nunha resposta firme e coordinada entre partido e Goberno.
O líder dos socialistas galegos advertiu de que a dereita “quere derrubar o Goberno e danar o PSOE por moito tempo”, e emprazou o partido a non asumir o seu marco: “Se non somos capaces, ou non queremos, ver a hipocrisía dos ataques da dereita é que, dun xeito ou doutro, estamos participando deles”.
Besteiro insistiu na necesidade de actuar con iniciativa e sen complexos: “Temos unha política de éxito e temos capacidade de iniciativa porque estamos no Goberno. Non é pouca cousa”. Defendeu con claridade a resposta do PSOE ante os casos de corrupción, subliñando que a prioridade agora é dar un paso máis: “As medidas de calado anunciadas polo secretario xeral deben transmitir con rotundidade o noso compromiso coa rexeneración democrática e coa exemplaridade na vida pública”.
Reivindicou tamén a reforma da xustiza impulsada polo Goberno, e fíxoo desde a súa experiencia persoal: “Créome con algunha lexitimidade adicional para dicirlles que iso é pregarse á dereita”, afirmou sobre as críticas que recibe. “Esta reforma está dirixida a acabar cos privilexios e democratizar o acceso á carreira xudicial. O anómalo é que non se fixera hai 30 anos”, engadiu.
Besteiro advertiu de que estamos ante unha ofensiva calculada para invisibilizar os avances dos últimos anos: “Quérese impugnar a política dos últimos sete anos. Precisamente cando os resultados do binomio crecemento e reparto son incuestionables e cando, por exemplo, se deron pasos de xigante na solución da crise territorial en Cataluña”. Subliñou que “como as evidencias son imbatibles, queren invisibilizalas”.
Fronte a isto, defendeu relanzar o proxecto político do PSOE: “Resituar o eixo do debate político onde debe estar: goberno progresista e dereitas extremas. Medidas e xestión do PSOE contra destrución e ocultamento do proxecto do PP”.
E puxo exemplos concretos, como o dereito á vivenda, onde os socialistas teñen que dar a batalla ideolóxica e política: “É importante que defendamos a iniciativa dos acordos. O extremismo do PP é contrario aos intereses dos cidadáns en todo aquilo que lles importa como, por exemplo, en un problema de primeiro orde como é o acceso á vivenda”.
Tamén chamou a fortalecer a coordinación co territorio: “O PP está a dar unha batalla desde as comunidades e desde todos os frentes para desacreditar ao Goberno. E un Goberno só non pode facerlle fronte. Faise necesario compartir estratexias e coordinarnos entre Goberno e partido nos territorios”.
Besteiro rematou apelando á esencia da política socialista: “Debemos seguir situando o eixo da igualdade no centro da nosa acción política”.