
O líder dos socialistas galegos reclama igualdade de trato que no resto dos concellos e urxe a reparar os tres afundimentos en só 50 metros de vía
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou hoxe que a Xunta “castiga” aos veciños e veciñas de Cangas ao “mirar para outro lado” deixando sen reparar a Avenida de Ourense, que ten tres buratos en só 50 metros. Así o dixo durante unha visita á vila xunto cos representantes do PSdeG no Concello, onde reclamou “unha actuación en serio” do goberno galego.
Criticou a “discriminación evidente” contra a veciñanza de Cangas, que están a ver como son “castigados” polo goberno galego, que si que atopa “cartos e obras nos concellos onde goberna o PP”. Subliñou que os socialistas galegos “xa demos un paso adiante levando a proposta ao pleno do, e agora tócalle á Xunta cumprir e poñer recursos enriba da mesa”, porque os veciños e veciñas de Cangas “merecen o mesmo trato que calquera outro municipio”.
Explicou que os socialistas galegos xa deron un paso adiante impulsando no pleno unha actuación completa que inclúa a humanización da vía, renovando toda a rede de saneamento, separación de augas, a mellora das beirarrúas e a accesibilidade, a creación dunha plataforma única, o soterramento de servizos, ordenación do tráfico e recuperar un espazo seguro e digno.
Urxiu a tomar medidas porque por moito que a concesionaria atenda ás emerxencias, a realidade é que os colectores vellos, a rede de pluviais e os regatos subterráneos “xa non dan máis de si”, e a vía require dunha intervención integral liderada polo goberno galego, que “non pode eludir as súas responsabilidades”.