
O líder socialista lembra o 92 aniversario do voto feminino e o 50 aniversario da morte de Franco e critica que a Xunta repite o mesmo patrón negacionista fronte ás vítimas do franquismo, ás mulleres, os migrantes e o cambio climático
A partir desa dobre referencia histórica, Besteiro denunciou que hoxe a dereita e a ultradereita están impulsando “unha regresión preocupante de dereitos”, fronte á cal o PP de Galicia actúa “con compracencia e sen exercer responsabilidade institucional”
O portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, utilizou hoxe a sesión de control para situar o debate político no terreo dos principios democráticos. Comezou lembrando que este 19 de novembro se cumpren 92 anos do primeiro voto feminino en España, un fito que abriu camiño á igualdade e que debera servir -sinalou- para reforzar consensos e orgullo democrático. Xunto a iso, subliñou que mañá se conmemoran 50 anos da morte do ditador Franco, o que puxo fin a “unha etapa negra, marcada pola represión e a persecución política” e abriu a porta á convivencia en liberdade.
A partir desa dobre referencia histórica, Besteiro denunciou que hoxe a dereita e a ultradereita están impulsando “unha regresión preocupante de dereitos”, fronte á cal o PP de Galicia actúa “con compracencia e sen exercer responsabilidade institucional”. Como mostra, lembrou as declaracións de Feijóo, quen cualificou a Guerra Civil de “pelexa entre avós”, e as de Tellado, que chegou a falar de “cavar fosas para rivais políticos”. “Se unha forza política non se desvincula con claridade destas palabras, está lexitimando unha forma de facer política incompatible cunha democracia madura”, advertiu.
*Un patrón que se repite en memoria, migración, igualdade e clima*
O portavoz socialista enfiou esa idea co comportamento da Xunta nos últimos 16 anos en materia de memoria democrática. “O PP votou contra a lei estatal, bloqueou unha lei galega, non constituíu o Consello da Memoria e suprimíu as axudas existentes. Non fixeron nada”, reprochou. Esa renuncia, dixo, “non só mantén ás vítimas no esquecemento, senón que sitúa ao Goberno no lado do silencio e non no da reparación”.
Besteiro explicou que esta actitude non é un caso illado, senón a expresión dun mesmo patrón político: “o negacionismo”. E detallou como ese patrón se reproduce fronte ás vítimas da ditadura, fronte aos menores migrantes que algúns cargos do PP rexeitan acoller, fronte ás mulleres que sofren violencia machista —ás que se lles resta relevancia falando de ‘divorcios duros’ ou ovacionando a acusados— e fronte á evidencia da emerxencia climática, fronte á que o PP vota en Europa xunto á ultradereita.
“Os migrantes, as vítimas do franquismo, a ciencia, o clima e as mulleres vítimas de violencia teñen algo en común: todos están sufrindo o ataque dos negacionistas. E ese negacionismo aliméntase directamente das decisións do PP”, afirmou no hemiciclo.
“O que queremos saber é cales son os seus principios”
Tras expoñer este contexto, Besteiro reclamoulle a Rueda algo que, dixo, non require apuntamentos nin cifras: claridade ética. “Hoxe non lle pedía documentos nin debates orzamentarios. Pedíalle principios. Porque os principios son o que define a acción política”, subliñou.
O portavoz do PSdeG instou ao presidente da Xunta a pronunciarse con claridade sobre cuestións esenciais: a memoria democrática, a acollida de menores migrantes, a loita contra a violencia machista ou a emerxencia climática. “Os galegos e galegas teñen dereito a saber desde onde fala o presidente da Xunta e desde que principios actúa”, insistiu.
Besteiro concluíu advertindo de que Galicia está a vivir “unha onda regresiva que se alimenta do negacionismo”, e que o papel dun presidente autonómico é freala, non alentala. “Por iso lle pregunto: preocúpalle esta deriva ou, pola contra, ilusiónalle?”, afirmou.