O secretario xeral do PSdeG mostrou a súa convicción de que a macrocelulosa non vai recibir futuras subvencións extraordinarias “porque tampouco cumpre as condicións”
O líder socialista invitou a Rueda e ao PP a “reconsiderar a súa posición sobre un proxecto que non é bo para Galicia e non aporta nada novo”
“A non concesión de axudas do Perte de descarbonización ao proxecto de Altri é unha boa noticia para Galicia, aínda que non é unha noticia nova”. Así se manifestou hoxe o secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, sobre as informacións que avanzan a denegación dunha subvención de 30 millóns de euros solicitada pola empresa que promove a construción dunha macrocelulosa en Palas de Rei.
En declaracións aos medios momentos antes do inicio do Debate sobre o Estado da Autonomía, Besteiro lembrou que dende hai varios meses vén manifestando a súa “convicción” de que o proxecto “non é merecedor desas axudas”. “Entendía que non entraba dentro dos obxectivos rigorosos do Perte e que non cumpría os requisitos porque non era un proxecto de descarbonización en si mesmo”, explicou.
O líder socialista recordou que hai comisións de valoración técnica, “e, por tanto, informes”, que dan soporte ás decisións sobre este tipo de iniciativas, “e que aclarará o Ministerio de Industria”. Nese senso, demandou tamén “o mesmo respecto para os técnicos que fan esas valoracións que o respecto que se pide para os técnicos da comunidade autónoma”.
O secretario xeral do PSdeG advertiu que a noticia “debe invitar ao Partido Popular e a Alfonso Rueda a reconsiderar a súa posición en relación cun proxecto que non é bo para Galicia, que non aporta nada novo e que, ademais, no tocante a futuras axudas extraordinarias, tampouco vai ser merecedor delas”. En relación con esta última afirmación, sinalou que “non é un proxecto extraordinario nin medioambientalmente nin respecto á innovación industrial”. Así, mostrouse seguro de que “vai ter o mesmo percorrido” respecto dese tipo de subvencións.
Na súa análise sobre a instalación da planta no concello lucense, asegurou que non se adapta “aos novos tempos que require a economía, non só galega, senón tamén española e europea”, polo que non se adecúa “aos parámetros de transición e desenvolvemento industrial aos que se acollen proxectos que si aportan valor”.