A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclamoulle á Xunta que modifique o Plan de Xestión de Residuos Industriais co obxectivo de afastar ás plantas de tratamento de residuos dos núcleos de poboación. Así o dixo no debate dunha interpelación, hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia, na que lembrou os casos de Casalonga –Teo- e Miramontes –Santiago-.
A responsable socialista instou ao goberno galego a “evitar inseguridades cidadás” diante da “falla de interese amosada polo Executivo á hora de lexislar para afastar estas instalacións dos núcleos rurais ou urbanos e das zonas poboadas”. Vilán urxiu á Xunta a modificar este Plan de Xestión como solución transitoria antes do debate da proposición de Lei do Grupo Socialista para modificar a Lei do Solo de Galicia neste mesmo sentido.
Vilán sinalou o “desleixo” amosado polo goberno galego á hora de seguir o espírito orixinal da Lei do Solo de Galicia, que establecía unha “aposta decidida pola explotación e xestión sustentable dos recursos naturais”. Por iso, dixo, apenas executaron no que vai de ano o 10 por cento da partida fixada para a restauración de minas abandonadas.
Acusou á Xunta de “mirar para outro lado” á hora de controlar as instalacións de xestión e tratamento de residuos en solos rústicos ou preto de zonas residenciais, provocando situacións como as de Teo e a comarca de Grixoa, en Santiago de Compostela.
Advertiu que coa situación actual os concellos son os que teñen a obriga de emitir os informes sobre as solicitudes das empresas, independentemente dos recursos de que dispoñan, e sen contar co apoio subsidiario do goberno galego nos casos de que non poidan afrontar estes requisitos. En definitiva, dixo, “estamos preocupados porque o Goberno non controla como están estas instalacións” agás nos casos en que está obrigado por denuncias os particulares.
Mesmo nos casos con denuncias, dixo, a implicación do Executivo limítase a “enviar aos técnicos e levantar unhas actas que aí parece que quedan”. Este é o caso da canteira de Miramontes, en Compostela, no que ata o fiscal de Medio Ambiente abriu dilixencias de investigación penal por un presunto delito contra o medio ambiente na canteira.
Apuntou tamén a Casalonga, onde o proxecto para construír unha planta que xestionara 90.000 toneladas de residuos foi paralizado por un informe do Concello, malia que “os veciños seguen a ter enriba a espada de Damocles” dun novo proxecto por parte da empresa Toysal.