A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, presentou hoxe unha proposición de Lei que será debatida no Pleno do Parlamento da próxima semana para incorporar a Responsabilidade Social ás empresas que contraten coa administración autonómica. A responsable socialista instou ao PP a aceptar esta iniciativa para rubricar o “compromiso cunha sociedade máis xusta e medioambientalmente sostible”.
Rodríguez Rumbo explicou considera “prioritario” que a Xunta lidere este “compromiso individual e colectivo” de toda a sociedade galega, e a mellor ferramenta, explicou, é darlle respaldo legal. Sinalou que a iniciativa socialista segue a regulación aprobada no Estado, así como a Estratexia 2030 da UE para que tódolos estados membros participen destes mesmos obxectivos.
A responsable socialista explicou que o obxectivo é regular a Responsabilidade Social no sector público e privado e fomentar o emprego de calidade, respecto ao medio ambiente, integración social e transparencia no goberno.
A nivel de emprego busca fomentar a mellora de condicións laborais, o impulso do emprego estable, da formación continua, o diálogo social ou o autoemprego en condicións adecuadas. Dende o punto de vista social, os criterios son a inclusión de colectivos desfavorecidos, a igualdade de xénero e igualdade de trato e de retribucións e o impulso de conciliación familiar e laboral e a accesibilidade.
Tamén quere premiar ás empresas e entidades que dirixan os seus esforzos na redución do impacto medioambiental e a pegada de carbono, defendan o consumo responsable e a preservación do ecosistema, a paisaxe e o patrimonio natural.
Finalmente, dende o punto de vista da calidade de goberno e transparencia, impulsa a aplicación de códigos éticos, a transparencia na xestión, a mellora da calidade, a redución de cargas administrativas ou a contratación pública socialmente responsable.
Plan Galego
Rodríguez Rumbo explicou que esta proposición de Lei diríxese especificamente ao goberno galego para obrigar á elaboración dun Plan Galego de Responsabilidade Social a modo de instrumento de xestión da administración autonómica. Tamén obriga a presentar unha Memoria Anual, a constitución do Consello Galego de Responsabilidade Social e a organización dos premios de Responsabilidade Social de Galicia, como medio de impulso destas prácticas.
De cara ás empresas, propón “premiar” a incorporación de aspectos éticos, sociais, laborais e medioambientais nas entidades galegas, establecendo un distintivo específico, un rexistro de entidades que respecten estes criterios e que sexan polo tanto acredoras de beneficios á hora de por exemplo contratar coa administración.