A Comisión de Industria do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista na que lle pide á Xunta que reúna ás partes implicadas na situación de Vulcano e acada que lle pague as contías que adebeda aos traballadores e ás auxiliares. O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, presentou unha iniciativa para reclamara implicación do goberno galego na difícil situación do estaleiro vigués.
Losada apunta a “situación crítica” do estaleiro, mentres o persoal acumula cinco nóminas impagadas e sen garantías de financiamento para rematar co ferry actualmente en construción “e poder cobrar, polo tanto o que se lles debe a traballadores, provedores e auxiliares externos”.
O responsable socialista sinalou que “á marxe da estratexia empresarial privada”, o goberno galego estivo ausente á hora de prestar apoio financeiro, dunha estratexia de innovación industrial, de formación de capital humano ou da busca de apoio á comercialización de produto. Subliñou que “se a houbo, a verdade é que no caso de Vulcano ou ben fracasou ou ben esta foi discriminatoria a favor de Barreras”.
Reclamou a implicación do goberno galego co futuro do estaleiro vigués, que neste momento “é cero”, e advertiu que o seu peche “sería dramático para a cidade de Vigo”, logo de anos nos que o estaleiro foi incapaz de sumarse ao “carro do crecemento” e de “insertarse de novo no mercado internacional da construción naval”. Criticou o desleixo da Xunta, que “executa escasamente o 50 por cento do seu orzamento” en materia industrial, co que “ou son incapaces ou algo pasa”.
Losada criticou a estratexia do Executivo autonómico de “dicir que cando hai éxitos son cen por cen responsabilidade positiva da Xunta, pero cando hai un problema industrial é totalmente do goberno de España”. Criticou que Feijóo se arrogue o crecemento do naval pero mire para Madrid cando se trata de afrontar a situación de Alcoa, Ferroatlántica, Isovat ou Poligal.
Censurou ademais o que o presidente da Xunta “minta” cando en sesión plenaria sinala que dende 2009 se crearon en Galicia 19.200 postos de traballo no sector industrial, cando a realidade é que segundo a EPA perdéronse 21.000 e, segundo os datos de afiliación á Seguridade Social, entre febreiro de 2009 e de 2019, estes caeron en 21.323.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:
1. Manifestar o seu total compromiso coa finalización da construción do ferry que actualmente está nas gradas do estaleiro.
2. Tomar a iniciativa para reunir a todas as partes implicadas no proxecto para tentar chegar a un acordo global que permita aos traballadores cobrar os salarios que se lles deben e o pago aos provedores e empresas auxiliares.
3. Implicarse na supervisión da xestión da construción, tal e como se comprometeu dende o inicio da mesma.
4. Activar un plan conxunto cos demais axentes económicos que consolide a continuidade do tecido industrial cos seus postos de traballo, unha vez finalizada a construción naval”.