A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, acusou á Xunta de ter supeditado o ciclo da auga ás necesidades das infraestruturas. Así o dixo na comparecencia, hoxe no Pleno do Parlamento, na comparecencia da conselleira de Infraestruturas para dar conta das súas competencias na xestión do ciclo integral da auga.
A responsable socialista ironizou coa decisión do goberno galego de negarlle á auga que forme parte da natureza para pasar a ser “parte das Infraestruturas”. Esta supeditación da auga chocan, explicou, coa resolución da Asemblea xeral de Nacións, que en xullo de 2000 sinalaba que os servizos de auga e saneamento “están vinculados aos dereitos humanos e nonm poden ser xestionados só dende a lóxica do mercado”.
Vilán sinalou que a consecuencia real desta forma de tratar á auga provocou unha redución do 48 por cento nos recursos da Xunta para obras hidráulicas entre 2009 e 2019, pasando dos 177 millóns de euros a apenas 92 nos últimos orzamentos. Esta redución coincide cunha “xestión nefasta” das partidas dispoñibles, cando entre os datos de execución orzamentaria de 2016 e 2017 revelan que só executaron 27 millóns cando había previstos 107, deixando 79 millóns “no aire”.
Os socialistas reclamaron hoxe unha Lei de Transición Hidrolóxica para Galicia, incluíndo unha auditoría hidrolóxica, así como unha batería de medidas de consumo responsable, que inclúan a xestión do entorno das correntes de auga, a prevención da contaminación e a sobreexplotación dos acuíferos ou a reutilización das augas residuais depuradas.
Patricia Vilán reclamou ademais o respecto aos caudais ecolóxicos, a xestión do uso da auga de consumo, sectorialización das redes de abastecemento, priorizar os procesos de potabilización ou elaborar campañas de concienciación dirixidas ao consumidor final.
Criticou o desleixo do goberno galego, cunha xestión que se limita a un “informe” de marzo de 2018 sobre o inicio do anteproxecto de Lei de medidas de uso dos recursos hídricos, ao que seguiu unha xuntanza coa Fegamp e, a partir de entón, “nada máis soubemos”.
Ademais, no pasado mes de abril reuniuse o Consello reitor de Augas de Galicia, que tratou dos trámites do decreto para facilitar o cambio de fiestras en edificacións ribereñas e unha Lei de Garantía de Abastecemento de Auga. Vilán sinalou que o decreto sobre o cambio de fiestras é “para correr”, e a Lei resulta “moito máis limitada que unha Lei de Transición Hidrolóxica”.
Afeoulle á conselleira que desbotara o regulamento do ciclo integral da auga, así como un convenio para potenciar o Pacto Local da Auga, ou un modelo único para a xestión de modelos de depuración, así como a mellora na xestión das infraestruturas hidráulicas. Alertou da situación límite na depuración das augas residuais, con casos graves como a contaminación da ría de Pontevedra, a caída de produción en Arousa, os lodos de O Burgo ou os problemas co emisario de Touro, en Noia.