A portavoz de Urbanismo do Grupo Socialista, María Pierres, sinalou hoxe que a Xunta tan só executou o 1,5 por cento do orzamento previsto para os programas de alugamento. A responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión na que advertiu que o goberno galego só executou 76.000 euros dun total de 4,47 millóns de euros previstos nos orzamentos, o que “deixa moi en entredito a súa capacidade”.
A deputada socialista lembrou que “foron 12.000 os galegos e galegas que optan a estas axudas” das que só se beneficiaron 350. Ademais amosou a súa preocupación pola xente nova, a chamada liña B destas axudas, que debería ter recibido o 25 por cento, en torno a 700.000 euros, “unha cantidade máis que insuficiente para os mozos e mozas que obteñen estas axudas”.
Pierres advertiu do “sobreesforzo que están a facer estes mozos para poder cubrir os gastos de aluguer mes a mes e asegurou que, 10 meses despois da publicación do plan de vivenda, máis de un terá incluso mudado de situación de alugueiro e incluso abandoado a súa residencia” polo retraso na aprobación das axudas. Lembrou que “son axudas para os mozos e mozas máis vulnerables da nosa sociedade, que non viven precisamente desafogados”.
A deputada socialista advertiu que “mentres que vostedes se comprometen no Parlamento a duplicar o parque de vivenda pública, a incapacidade económica dos nosos xóvenes para alugar ou comprar vivenda medra día a día”. Sinalou que este compromiso é “primordial” para a mocidade galega, e advertiu do “incomprensible de executar só 1,9 millóns de euros dos 14,2 previstos para vivendas públicas para a mocidade, reducindo a construción de vivendas nun 87 por cento”.
Acusou á Xunta de “non ser capaz de sistematizar as peticións de 12.000 galegos e galegas en 256 días” e advertiu da “preocupante situación que nos estamos a atopar cós mozos e mozas que queren emanciparse e tendo só unha única fonte de ingresos non o poden facer ata os 30 anos”. Sinalou o “ensanguentamento que están a sufrir as persoas asalariadas en solitario, tendo que dar un 88,8 por cento dos seus ingresos ao aluguer ou un 61 por cento á compra”.
Fracaso
A responsable socialista lembroulle ao Goberno que “de todas as políticas de vivenda, promoción de solo, construción, axudas e impulso ó aluguer, todas teñen fracasado” e sinalou “o comportamento crónico” desta Consellería que fai que “a mocidade galega teña cada vez máis complicado o seu dereito ao acceso a unha vivenda”.
Pierres acusou á Xunta de desprotexer á mocidade e pediulle ao Goberno que impulse o programa de emancipación xuvenil que “tense reducido, sinalou, neste ano e medio, a unha simple pantalla na que a única ligazón vixente en materia de vivenda fai referencia ó Plan de vivenda estatal 2018-2021”. Lembroulle á Xunta que “o seu Plan específico non se pode reducir a ser a antesala dun plan estatal, deixando sen cubrir as necesidades da cidadanía galega”.