A deputada socialista Loli Toja criticou hoxe a negativa do goberno galego a poñer en marcha o Centro de Día de Corcubión, por moito que o Concello teña habilitado un inmoble nunha situación “inmellorable”. Toja presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade na que denunciou a “intolerable discriminación” do goberno galego coa comarca, e “máis sinaladamente cos maiores de Corcubión, obrigándoos a desprazarse aos centros de Cabana ou Muros, que ademais de non ter espazo están no quinto pino”.
Toja reclamoulle hoxe ao goberno galego que responda ao Concello de Corcubión e asine un convenio que permita poñer en marcha o Centro de Día no inmoble habilitado polo goberno municipal, que non pode poñer en marcha o servizo pola falla de recursos.
Explicou que o inmoble preparado polo Concello supuxo un investimento de 350.000 euros, ten capacidade para 25 persoas, unha situación inmellorable, a 1,5 quilómetros do Hospital de Cee, e está “listo para a súa posta en funcionamento de inmediato”. Ademais trataríase do único centro de día da zona sur da Costa da Morte e o único de toda a comarca, xunto co de Muros.
Cualificou de “inaceptable” a resposta do goberno galego, que quere desprazar a persoas maiores a Cabana e Muros, ademais de que no primeiro hai unhas listas de agarda “inmanexables”, tal e como sinala o seu alcalde, e o segundo carece de prazas vacantes. “O que non poden rebater –dixo- é que Muros atópase a 44 quilómetros e Cabana a 50 de Corcubión, cuns desprazamentos dunha hora de duración sen contar o tempo de regreso”.
Toja acusou ao goberno galego de “condenar ao esquecemento” á Costa da Morte, cunha discriminación máis dentro duns orzamentos para o ano 2019 dos que “fan desaparecer a toda unha comarca enteira por puro sectarismo político”.