O Grupo Socialista leva semanas intentando saber a que hora entrou e saíu Rueda do CECOPI. Hoxe foi a deputada Paloma Castro quen interpelou ao conselleiro de Presidencia e Emerxencias, Diego Calvo, nunha pregunta urxente que tampouco tivo resposta
O Grupo Socialista esixiu explicacións sobre a actuación do presidente da Xunta durante a crise xerada polo apagón do pasado 28 de abril, despois de que a Xunta leve semanas negándose a aclarar a que hora entrou e a que hora saíu Alfonso Rueda do Centro de Coordinación Operativa da Estrada (CECOPI).
A deputada socialista Paloma Castro formulou este martes a pregunta directamente ao conselleiro de Presidencia e Emerxencias, Diego Calvo, sen obter resposta. “Queremos saber con claridade se o presidente da Xunta estivo ao mando ou se simplemente activaron o nivel 3 de emerxencia para deixalo todo nas mans do Goberno de España e foron durmir tan placidamente”, denunciou.
Castro acusou á Xunta de “abandonar aos galegos e galegas a velas vir” mentres o Executivo central activaba todos os mecanismos de resposta ante unha situación “excepcional e sen precedentes”, que afectou a toda a península ibérica e ao sur de Francia, e que provocou a caída total do sistema eléctrico ás 12:30 horas do mediodía.
A parlamentaria destacou que “mentres o Goberno de España reunía seis veces o Consello de Ministros, activaba o Consello de Seguridade Nacional e mantiña no centro de coordinación á ministra Aagesen toda a noite, a Xunta activaba o nivel 3 de emerxencia… e desaparecía”.
“Se vostedes deixaron ao mando ao delegado do Goberno de España, é porque tiñan plena confianza na súa capacidade de xestión”, sinalou Castro ao conselleiro. “Porque non creo que como presidente de Galicia ou conselleiro de emerxencias deixen aos galegos en mans de alguén que consideran incompetente”.
Por iso, a deputada socialista considerou “incomprensible” que dous días despois do incidente “Feijóo viñera a Galicia a desautorizar publicamente ao Goberno de España, poñendo en dúbida a xestión da emerxencia”. “É como dicirlle á cidadanía galega que deixaron ao cargo da situación a alguén no que non confiaban. Iso non sería responsable”, reprochou.
Castro criticou a estratexia do Partido Popular, que cualificou de “destrutiva”, por tentar “utilizar o apagón para atacar ao Goberno central”. “Esixir respostas ao día seguinte só demostra unha ignorancia absoluta. Europa deu tres meses aos países para elaborar un informe e seis aos expertos para presentar o técnico”, explicou.
Castro concluíu pedíndolle ao conselleiro que “deixen de secundar esa política de fango e entren na senda da colaboración institucional e da coordinación. Porque xa sexa nunha situación excepcional ou na xestión ordinaria, as cousas irán moito mellor e gañaríamos todos os galegos”, sinalou.