A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, acusou hoxe ao goberno galego de ter paralizado dende hai máis dun ano o proxecto de mellora do saneamento das augas no Concello de Lalín. Vilán presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento sobre un proxecto que recibiría 4,5 millóns de euros da UE que corren o risco de perderse pola pasividade de Augas de Galicia.
A responsable socialista alerta da “desaparición” do saneamento integral do Concello, que “non ten noticia algunha sobre o estado de execución do plan director”, que ademais “non figura nas actuacións prioritarias de Augas de Galicia”. Apelou á emenda do Grupo Socialista aos Orzamentos da Xunta para o ano 2019 que inclúe o desbloqueo deste proxecto.
Vilán advertiu do interese amosado pola Xunta ao anunciar o seu compromiso con este proxecto cando fora abandeirado polo ex alcalde da localidade e actual portavoz da oposición, José Crespo. Criticou que ese “interese” chegara a que o anterior de Augas de Galicia se negara a recibir á concelleira de Medio Ambiente, pero si que lle abrira as portas ao ex alcalde para tratar do que aquel presentaba como “a miña moción sobre a mellora do saneamento e depuración de Lalín”.
Iso non impediu que o goberno galego metera nun caixón un proxecto sobre o que o Concello traballara durante meses cos técnicos de Augas de Galicia ata rematar os proxectos e os pregos necesarios. Ao máximo que chegaron hoxe foi a anunciar a súa “colaboración” co Plan Director, pero de novo sen comprometer unha data.