O portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, tildou hoxe de “publicidade enganosa” as axudas publicitadas pola Xunta para hostalería, autónomos e microempresas. O responsable socialista acusou ao conselleiro de Presidencia de realizar unha “groseira manipulación propagandística” na súa comparecencia no Pleno do Parlamento para dar conta da súa liña política fronte á pandemia.
Arangüena acusou ao conselleiro de presentar “boa parte da propaganda oficial” que en realidade é unha “completa, total e absoluta mentira”. Criticou que a Xunta teña “anunciado e publicitado” 87 millóns de euros no Plan de axudas á hostalería, autónomos e microempresas cando dispoñen de 224 millóns de euros transferidos polo Estado en 2020 para compensar a caída da actividade económica, dentro dos 734 millóns de fondos covid recibidos antes dos orzamentos 2021.
Criticou que a Xunta impoña unha recuperación low – cost ao mobilizar 2,5 veces menos das partidas das que dispoñen só por parte do Estado, e que ademais o fagan falseado as cifras das axudas. Explicou que segundo o goberno galego entregaranlle 17 millóns de euros aos 19.000 bares e restaurantes de Galicia, o que suporía “un único pago de 899 euros”, cando anuncian entre 1.500 e 2.000 euros mensuais mentres o local estea pechado.
Por outra parte, o Plan da Xunta prevé 70 millóns de euros para os 399.000 autónomos e microempresas de Galicia, o que supón de novo un único pago de 175 euros, moi por debaixo dos ata 5.000 euros de axudas que anuncia o goberno galego.
Trolas e tomaduras de pelo
Sinalou que “non se xestiona a crise contando trolas” nin con “tomaduras de pelo”, e lle esixiu ao goberno galego que “doten ao sector de axudas verdadeiras e significativas, máis alá de publicitalas”. Comparou os 17 millóns de euros para hostalería prometidos pola Xunta cos 38 millóns que ten consignado Murcia, unha Comunidade Autónoma que coa metade de poboación dedica máis do dobre de recursos.
O responsable socialista animou ao goberno galego a “reformular e cambiar o modelo produtivo de Galicia” grazas aos fondos de reconstrución dos próximos orzamentos do goberno. Reclamoulles que “deixen de ser alumnos avantaxados do austericidio e comecen a aliñarse co keynesianismo, que defende incrementar o investimento público para confrontar á crise económica.
Pablo Arangüena sinalou que “o turismo é a asignatura pendente do seu goberno”, apuntando á “incompetencia e inutilidade” que ten amosado o goberno galego na falla de xestión do Camiño dos Faros. Esta ruta que percorre 200 quilómetros en 9 concellos entre Malpica e Fisterra converteuse, dixo, nun éxito turístico pola iniciativa dun “pequeno grupo de veciños da Costa da Morte” que tiveron que afrontar “sen a Xunta de Galicia, que boicotea a ruta”.
O responsable socialista apuntou que “fixo mais un pequeno grupo de veciños sen medios nin apoio público e auto organizados por promover turisticamente a Costa da Morte que a Xunta de Galicia”.
Xenofobia
O responsable socialista reclamoulle á portavoz do PP que retirara as súas cualificacións na intervención de hoxe, “cando dixo que o noso plan é traer inmigrantes de Canarias”, nunha “manifestación repugnante de xenofobia impropia e indigna deste Parlamento democrático”. Esta afirmación levou a Arangüena a advertir que “sabemos por que Vox non ten representación en Galicia: porque está perfectamente acomodado dentro do PPdeG”.
Tamén sinalou á serie danesa Borgen, onde o marido da primeira ministra ten que renunciar a un contrato nunha empresa porque “a pesares de ser legal sería pouco estético”, e preguntou “o que lle diría ao seu marido se lle ofreceran ser asesor de Sargadelos”. Puntualizou que “estou falando moi respectuosamente de ética e de estética, non me estou a meter na vida privada de ningunha parella.
Pablo Arangüena advertiu de que “a opacidade da Xunta chega a tal punto que o propio Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia tivo que pedirlle nun comunicado oficial que facilitara datos sobre a pandemia do mesmo xeito que fan o resto das comunidades autónomas, sinalando que Galicia era a penúltima de España en transparencia da información covid”.