O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, acusou hoxe ao goberno galego de empregar a Lei de Acompañamento para modificar un total de 25 leis “pola porta de atrás”. O Grupo Socialista presentou unha emenda de totalidade contra esta Lei que provoca “grave afectación sobre a seguridade xurídica” ao impedir debates puntuais sobre cada modificación e burlar aos órganos de control coma o CES.
O responsable socialista denunciou o “uso e abuso” desta fórmula por parte do goberno galego, que xa leva modificado un total de 84 leis por esta “lei ómnibus” que “é contraria á transparencia, á seguridade xurídica e á estabilidade, e amosa o retroceso democrático da Xunta de Galicia”. Trátase dunha “técnica xurídica desaxustada e impropia, contraria á transparencia” e que emprega o “paraugas xustificativo” da pandemia.
Esta técnica, que fora desterrada polo goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño e recuperada por Feijóo, modifica dunha tacada normas que afectan a tributos propios e cedidos, emprego público, medio ambiente e territorio, medio rural, infraestruturas e mobilidade, portos, emprego e igualdade, deporte, subvencións, transparencia e bo goberno, consumo ou procedemento e organización administrativos.
Juan Carlos Francisco resumiu que se trata en definitiva dun procedemento “exprés”, que “evita o debate político e social, que impide coñecer informes que serían preceptivos nun procedemento ordinario –prescinde do informe do CES-, e que mesmo introdúcenos no túnel da inseguridade xurídica”.
O responsable socialista explicou así que o goberno galego empregará este procedemento para modificar por sexta vez a Lei de Mobilidade de Terras, para intentar recuperar o Banco de Terras que antes denostaran. Tamén modifican a Lei de Augas para eximir do canon e coeficiente de vertido a establecementos de hostalería e albergues afectados pola pandemia, cun impacto recadatorio de 7,23 euros.
Tamén modifican por sexta vez unha Lei do Solo aprobada en 2016 e que xa acumula máis reformas que anos de vixencia, malia o que a maior parte dos concellos “seguen sen ter aprobados instrumentos de planeamento adaptados a normas vixentes”. Tamén é a cuarta ocasión na que reforman a Lei de Calidade Alimentaria e a oitava en que cambian a Lei de Montes de 2012, desta volta para prescindir da potestade normativa autonómica e reproducir a norma básica.
Francisco explicou que tamén reforman a Lei de Incendios, obviando os acordos da Comisión específica de 2018, e modificando por cuarta vez o artigo que define os perímetros de alto risco de incendio e habilita a xestión de biomasa a través de obradoiros de emprego no caso de incumprimento polos propietarios. Tamén modifican a Lei de Patrimonio Natural, a Lei de Cooperativas de Galicia e do Emprego Público.
Medidas fiscais
Juan Carlos Francisco reclamou ademais “medidas fiscais adicionais e excepcionais, xunto co debate sobre un sistema tributario máis progresivo e xusto” como medio de “garantir os recursos necesarios para implementar as políticas públicas que necesitamos con urxencia”. Criticou a política fiscal “esencialmente regresiva” do goberno galego cando “Galicia necesita un sistema fiscal xusto que se sustente nos principios de xustiza e igualdade, equidade e progresividade”.
Alertou de que a Xunta “non ten repensado a súa política tributaria, máxime nun contexto de posible caída da recadación” no “contexto extraordinario” provocado pola covid – 19 que provoca un incremento do gasto público para atender demandas urxentes.
Pediu recuperar a fiscalidade de Sucesións e Patrimonio que afectan a 12.000 galegos e permitirían recadar da orde de 28 millóns de euros para que “todos poidamos contribuír ao sostemento das cargas públicas de acordo coa nosa capacidade.