A parlamentaria socialista Loli Toja denunciou hoxe o “desprezo” amosado polo goberno galego á cidadanía de Corcubión e Camariñas, dúas localidades ás que vén de negarlle a construción de dous centros de día. No debate dunha pregunta oral en Comisión, lamentou o “sectarismo puro e duro” contra os maiores dependentes destas localidades, aos que obrigan a desprazarse aos centros de día de Cabana e Muros, entre 40 e 63 quilómetros.
Toja criticou o trato a Corcubión, onde o Concello ten investido 300.000 euros para rehabilitar un inmoble e adaptalo para o seu uso como centro de día, pero que non poden poñelo en marcha porque carecen de competencias e a Xunta négalles a sinatura dun convenio. En Camariñas rexeitoulle o apoio de financiamento conxunto para levar a cabo a construción dun centro de día para a localidade.
A escusa nos dous casos, dixo, é que contan cos servizos de Cabana e Muros, a 40 e 63 quilómetros que teñen que percorrer de ida e outro tanto de volta cada día. A parlamentaria da Costa da Morte reivindicou o mesmo trato que ao concello de Malpica, onde a Xunta vén de anunciar o financiamento dun centro de día nunha localidade que se atopa a 22 quilómetros de Cabana.
Reféns políticos
Acusou ao goberno galego de utilizar aos maiores como reféns políticos para “facerlle a campaña electoral aos concellos onde gobernan”, convertendo a “Lexislatura do Rural”, como tiña bautizado Feijóo, na “lexislatura electoral do PP”. Lembroulles o seu “deber ético de gobernar para toda a cidadanía” e acusounos de “negarlle ás persoas maiores permanecer no seu entorno”.
Ademais, continuou, “néganlles a rehabilitación preventiva para ter unha maior autonomía persoal, néganlles a mellora das capacidades físicas e mentais, néganlles o desenvolvemento social, a mellora da autoestima, a oportunidade de se sentiren máis útiles e máis felices” ao tempo que “néganlles aos familiares encargados do seu coidado a oportunidade de desenvolver unha actividade profesional”.